A ENTREVISTA QUE NUNCA EXISTIU.-Xesús Veiga*

Se houbera que buscar o aspecto ou a circunstancia mais chamativa da recente entrevista televisiva de Jordi Evole con Marcial Dorado, onde fixariamos a nosa atención? Nas maiores ou menores habilidades entrevistadoras do xornalista? Na actitude elixida polo narcotraficante para enfrontar o compromiso mediático que tiña aceitado previamente?

 O mais singular aconteceu nas horas seguintes á emisión do programa. Os principais medios que conforman o sistema informativo galego decidiron non dar conta -sequera fose brevemente- do contido desa entrevista a pesar do evidente interese que concitaba por mor das fotos publicadas polo xornal El Pais no ano 2013 nas que aparecían Dorado e Núñez Feijóo compartindo horas de lecer nun barco.Semellante silencio só pode interpretado como unha medida preventiva utilizada para minimizar a eventual erosión da imaxe do actual presidente da Xunta e candidato electoral para o 12 de Xullo. Unha vez coñecido o contido da entrevista aínda resulta mais evidente que esa decisión de ignorala foi adoptada previamente por medo aos efectos que puidese causar o seu coñecemento na reputación presidencial. 

Polo demais, Marcial Dorado non descubriu feitos de especial relevancia. Insinuou presións recibidas dende persoas achegadas a Rajoy e a Zapatero e aproveitou a ocasión para criticar a desagradecida ignorancia practicada por Alberto Núñez cara a súa persoa. Recoñeceu que tal distanciamento tiña, seguramente, unha motivación política derivada da imposibilidade de xustificar unha amizade explícita entre un dirixente político e un condenado por narcotráfico. Porén, rematou a cita con Evole afirmando o seu apoio a Feijóo nas vindeiras eleccións ao Parlamento do Hórreo. 

Poucos dias antes da entrevista con Dorado, emitiuse -no mesmo programa- unha conversa con Sandro Rosell, ex-presidente do Barça acusado de branqueo de capitais e finalmente eximido de responsabilidades penais. Mais alá das diferenzas entre ambos os dous millonarios -reveladoras dos distintos mecanismos de selección das elites nas dúas sociedades de referencia- puidemos comprobar o contraste entre o silencio presente no universo mediático galego e a maior pluralidade que opera, en Cataluña, no sistema privado de comunicación. 

Na actual situación de grave pandemia sanitaria, é moi probábel que a entrevista de Jordi Evole non teña provocado custes electorais significativos para a candidatura de Núñez Feijóo. O que si certificou, en calquera caso, é a grave fatiga de materiais democráticos que padece, na nosa terra, o chamado cuarto poder.

*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC.

 

 

 

 

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.