CONSTRUÍR UN NOVO ROL MASCULINO.-Jesús Veiga*

A acumulación de asasinatos de mulleres nos últimos anos colocou, de forma reiterada, a contundencia do grave problema da violencia de xénero no centro da atención mediática. As graves consecuencias orixinadas pola crise do coronavirus pode contribuír a secundarizar -ou mesmo agachar- a importancia desa persistente patoloxía social.

Despois de varios anos de vixencia dunha nova normativa xurídica sobre esta materia, existe unha desacougante sensación de impotencia que debería provocar unha dupla reacción: maior reflexión sobre a natureza e o tratamento desta traxedia social e un renovado compromiso práctico de todos os sectores que non aceitamos convivir  resignadamente coas intolerábeis estatísticas de vítimas causadas por semellante violencia.

A envergadura das cifras confirma que as leis son necesarias, pero non resultan suficientes para conseguir cambios substanciais nun asunto tan complexo coma este. Requírense, certamente, máis recursos económicos e unha maior eficacia na xestión dos medios humanos e materiais xa dispoñíbeis. Pero hai outros aspectos que demandan actuacións específicas e de longo percorrido temporal. Algo se está facendo mal durante os traxectos formativos de mozos e mozas para que -tal e como demostran diversos estudos demoscópicos- sigan vivos os estereotipos tradicionais que atribúen aos homes a capacidade para decidir a maneira de comportamento admisíbel na súa parella feminina. A presenza dun volume relevante de ensinantes que -sobre todo no ámbito dos centros públicos- simpatizan explicitamente cunha orientación igualitaria nas prácticas educativas debería de ser un factor decisivo na batalla por transformar a derivada preocupante na que nos atopamos.

Despois de tantas experiencias dramáticas coñecidas resulta evidente a transversalidade que se certifica nos perfís dos  vitimarios: homes de distintas idades, diferentes niveis formativos e variados estratos laborais ou profesionais. Tal circunstancia está asentada nun denominador común que habita nos seus códigos mentais: o cariño é un sinónimo de posesión que explica a reacción ante o remate do vínculo afectivo por parte da parella feminina. Confesábao un procesado polo asasinato da súa compañeira sentimental no propio xuízo oral: “Quería moitísimo á miña muller. Saber que estaba con outro, derruboume”.

As cifras da violencia de xénero cuestionan radicalmente calquera tentación conformista emanada dos poderes públicos. E tamén constitúen un dramático emprazamento para quen desexa vivir nunha sociedade de persoas libres e iguais. A consecución dun cambio nos comportamentos colectivos esixe unha acción pedagóxica singular por parte daqueles homes que non aceitamos reproducir o rol dominante que nos vén atribuído no imaxinario herdado. Sen esa participación masculina, o percorrido do camiño que temos por diante terá mais atrancos dos desexábeis.

*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.