O INDEPENDENTISMO ACADA O 51% DOS VOTOS.-Xoan Antón Pérez-Lema*

 Estas eleccións catalás xogáronse coas cartas marcadas. As anteriores foron fixadas polo 155 de Rajoy, Rivera e Pedro Sánchez. A maioría independentista (70 s/ 135 daquela) non puido investir nin Puigdemont, nin Jordi Sánchez  polas decisións do Tribunal Supremo (TS) español. O remate da lexislatura tamén o sinalou o TS coa insólita condena penal do president  Torra. Mesmo a data foi determinada polos Tribunais españois. Convíñalle ao Goberno do Estado que Salvador Illa fose investido president dun xeito ou doutro e houbo que votar con grave risco para a saúde das persoas. Velaí os dados de participación, cun curto 53,45%.

         Co 97,5 % escrutado PSC, ERC e JuntsxCat acadan resultados moi parellos (33 deputados e 22,98% para os de Illa e cadanseus 32 deputados para os republicanos de Junqueras e os soberanistas de Puigdemont e Laura Borrás con cadanseus 21,35% e 20,12% de votos). Illa e Pedro Sánchez poderán fachendear de ser os primeiros en votos e escanos, mais esta circunstancia non lle suporá ningunha posibilidade para gobernar. Porque a eses 33 deputados só poderían engadir os 8 dos comúns, co que só representarían o 30% donovo Parlament. Illa xa recebira anticipadamente o apoio dos comúns e de Vox. Mais agora  non ten xa oportunidade ningunha.

            O independentismo obtén 4 deputados máis (74/135 agora) e, por primeira, vez, acada o 51,15% dos votos, engadíndolle ao 6,7% da CUP (quinta forza, cos seus 9 deputados) o 0,21% de Primaries  e o  2,7% do PdeCAT, que non obtivo deputado ningún, pechando de vez por moitos anos a historia do autonomismo de Convergência i Uniò, malia que seica impedise coa súa presentación electoral que a auténtica revelación destas eleccións, Laura Borràs (JuntsxCat)poida ser a primeira muller presidenta da Generalitat. Porque nun escenario no que só estaban previstos ERC e PSC, JuntsxCat, coa súa candidata, co seu referente Puigdemont e cos seus dirixentes presos ( Sánchez,Turull, Rull, Forn) amosaron ser a primeira proposta do soberanismo transversal.

             No ámbito do unionismo os comúns repiten resultados (8 deputados), malia os máis de nove pontos de avance socialista, que recolle a meirande parte da desfeita de Cs, que baixa de 36 a 6 deputados. Unha baixada que fai medrar o voto de Vox até 11 deputados co 7,66% de votos, esnafrando as alternativas de Cs (5,55% de  votos e 6 escanos ) e PP, que baixa de 4 a 3 escanos. A dereita española perde a metade da representación, de 40 a 20 escanos e sen dúbida o efecto do sorpasso producira inmediatos efectos na sede do PP da madrileña rúa Xénova, probábelmente a xeito de conversas inmediatas entre o PP e CS para unir forzas.

          Sendo moi importante a vitoria soberanista, o certo é que tamén sofriron da desafección abstencionista, sen dúbida xerada  polas súas liortas internas . Semella, pois, que o  electorado soberanista catalán quere solucións e non está disposto a aturar  a falla de entendemento entre os seus partidos.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.