MEDALLAS OLÍMPICAS GALEGAS.-Xoan Antón Pérez-Lema*

Galicia acadou nas Olimpiadas de Tokio catro medallas en probas non colectivas (dúas pratas-unha delas con dous agasallados- e dous bronces). Se lle engadimos a nosa participación nas medallas do balonmán e fútbol as nosas deportistas remataron a nosa mellor participación nacional nuns Xogos Olímpicos, só comparábel coas catro medallas individuais (dúas de ouro) da capital chinesa de Beijing no 2008.

         Mais aí rematan as semellanzas. Porque a xestión do deporte galego, o traballo da Xunta de Galicia  a prol de resultados no deporte de elite, o labor no deporte femenino e no deporte para todos non ten comparanza ningunha co intelixente e axeitado traballo desenvolvido entre 2005 e 2009 pola Administración deportiva galega durante o goberno de coalición BNG-PSdeG. Daquela a conselleira nacionalista Anxela Bugallo e os directores xerais Santi Domínguez e Marta Souto estruturaron e desenvolveron o concepto “deporte galego”, antes inexistente ou reducido ás nosas equipas de fútbol e basket profesionais, promovendo aos nosos deportistas de elite (cómpre lembrar, nomeadamente os casos do piragüismo, vela e triathlon) e dándolle un amplísimo pulo ao deporte feminino, coa colaboración do vicepresidente Anxo Quintana e da secretaria xeral Carme Adán.  Foron tamén os anos da recreación da nosa selección nacional de fútbol e da promoción dunha equipa profesional de ciclismo, canda o pulo e acompañamento constante do deporte paralímpico.

        O Goberno Feijóo ( case sempre con José Ramón Lete á fronte da Administración deportiva galega)  seguiu unha estratexia liquidacionista do labor desenvolvida polo BNG no deporte galego, como en tantos outros eidos. Abandonouse o Centro de Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra e priorizouse na política de promoción das Federacións Deportivas Galegas a docilidade política. Ignorouse, tamén, o que tiña de ser o noso think tank deportivo, a Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte da UDC.  

         Malia esta política deportiva da prevención e sospeita políticas, da pasividade e do desleixo a sociedade civil  galega, as redes sociais, a prensa dixital e en papel ( quer cabeceiras históricas, quer medios máis recentes) e máis a  Radio Galega e a TVG souberon priorizar o feito deportivo galego nestas Olimpíadas. E este feito, inédito e  histórico, conecta coa idea da existencia dun País de noso e, sobre todo, conecta coa idea da existencia dun deporte galego.

       Peleteiro, Portela, Nico Rodríguez, Arévalo, Germade; Corrales e Villar…moitas grazas por tanto que nos destes e polo que habedes dar no futuro. 

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político   

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.