GALICIA Á INTEMPERIE.-Xoan Antón Pérez-Lema*

 Desculpará o noso Suso de Toro (Nunca Máis; Galicia á intemperie, 2003)  que adopte o seu título para reflectirmos que nin o Goberno do Estado nin o galego  existiran esta semana que rematamos, desque no luns 14-M principiara o paro dos transportistas.

           Na nosa Galicia a dependencia do transporte de mercadorías por estrada é ben superior ca no resto do Estado e da Europa, polas graves  limitacións do transporte ferroviario. Por outra banda, na Galicia a principal organización recoñecida de empresarios do sector (APETAMCOR-FEGATRANS; por certo nas antípodas da extrema dereitaque o Goberno do Estado di que fomenta estas accións) está a apoiar esta folga, que tamén apoian no resto do Estado a maioría dos autónomos e pemes, mentres a organización patronal recoñecida, alicerzada nun conxunto de grandes operadores loxístícos que lle contratan o traballo ás pequenas empresas e autónomos que distribuén as mercadorías, a rexeita. Deste xeito, han  traballar a perdas, pois  que o prezo do gasóleo medrou nun 52% dende marzo de 2021.

            Diante desta gravísima situación,  o Goberno do Estado ficou preso do discurso da patronal dos grandes operadores loxísticos, negando a representatividade das organziacións convocantes.. E prometendo medidas cara o 29-30 deste mes, cando éstas son inaprazábeis e xa foron adoptadas  polos Gobernos portugués (devolverá o exceso de recadación fiscal polo incremento de prezos) e  francés (subvencionará con 0.,15 cts por litro de gasóleo).

             O Goberno do Estado trabucouse e ten de negociar axiña cos operadores do sector que amosaron ter a forza representativa, para adoptar esas medidas que non poden ser só fiscais, pois que teñen que it ao cerne e prohibir traballar a perdas, como lle obrigan as industrias lácteas producir ao sector leiteiro galego.

               E que fixo o Presidente da Xunta mentres? Campaña política cos afiliados do PP polo Estado español adiante, sen atender esta punxente realidade. E sen que a Xunta negociase tampouco coas organizacións galegas convocantes, que aquí si están recoñecidas como máis representativas. Semella que tampouco coñecía quen de verdade representa ao sector, malia ter as competencias executivas e de xestión.

               Nesta enésima edición de Galicia á intemperie soubemos, porén, de moi responsábeis  actuacións da sociedade civil, como a que o mécores 16.M permitiu, pola mediación da organización agraria Agromuralla que os transportistas  fornecesen as granxas con penso retido no peirao coruñés. Porque na Galicia estamos afeitos a autoxestionarmos as cuestións que desatenden uns Gobernos insensíbeis cos consumidores e pemes na esixencia  normativa e pouco atentos aos seus problemas..

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.