Ás poucas horas de se coñecer oficialmente a sentenza condenatoria do Tribunal Supremo, Pablo Casado quixo poñer en valor, explicitamente, o feito de que o seu partido fora o promotor da querela presentada polo entón fiscal xeral do Estado -José Manuel Maza, falecido poucas semanas despois- contra os principais dirixentes do independentismo catalán.
Deste xeito, o actual presidente do PP despexou calquera tipo de dúbida sobre o sucedido no outono de 2017. Cando o fiscal Maza promoveu a querela polo presunto delito de rebelión ante o Tribunal Supremo, cabían dúas hipóteses explicativas sobre aquela actuación: que o facía pola súa conta, utilizando a marxe de autonomía que lle concedía o seu cargo institucional, ou ben que procedera a materializar unha iniciativa que contaba, en última instancia, coa complicidade e/ou a aprobación do presidente do goberno, Mariano Rajoy. Seguir leyendo




