Dende hai moito tempo, o debate sobre o financiamento das entidades territoriais que coexisten no Estado español está moi condicionado pola habitual confrontación que preside a dinámica política.Certamente, estamos ante un asunto que podería ser obxecto dun tratamento discursivo que compatibilizara o imprescindíbel rigor analítico coa lóxica diversidade de focaxes que aparecen en cuestións deste nivel de complexidade.A experiencia histórica demostra, poren, que o vector dominante nos foros públicos ven determinado polas posicións existentes na elite política e/ou nos grupos mediáticos hexemónicos.
Escoitando ou lendo as recentes declaracións de Montoro, Rajoy e Feijoo sobre a eventual condonación da débeda contraída por diversas Comunidades Autónomas coa Facenda estatal constatase palmariamente o sinalado anteriormente:a necesaria controversia ben fundada é substituída por unha calculada cerimonia de retórica confusionista na que cada protagonista busca, prioritamente, reforzar a súa posición no xogo político realmente existente.



