Rajoy está a usar ao Fiscal Xeral do Estado (nomeado polo Goberno central e recusado pola maioría absoluta do Congreso) para impedir o referéndum catalán do 1-O. Os primeiros intres desta campaña amosaron esceas propias do camarote dos irmáns Marx, coas forzas policiais na percura de papeletas ou de urnas por Catalunya adiante. Mais axiña Maza demostrou que o seu obxectivo era sementar o medo en todos os políticos e funcionarios e mesmo nos voluntarios que participarían no proceso electoral convocado pola Generalitat.
Deste xeito, chamou declarar como investigados perante cadansúas Fiscalías Provinciais catalás aos máis de 700 alcaldes (case o 80% dos de Catalunya) que apoian o referéndum. Tamén obtivo medidas cautelares para prohibir actos pro referéndum dentro e fóra de Catalunya e para intervir material de propaganda. O seguinte paso deuno o Consello de Ministros coa suspensión pola vía de feito da autonomía financeira catalá recoñecida no Estatut vixente.


