DISCURSO DA TOMA DE POSESIÓN DO ALCALDE DE A CORUÑA: D. XULIO FERREIRO BAAMONDE
Excelentísimas e ilustrísimas autoridades. Compañeiros e compañeiras da corporación. Traballadores e traballadoras do Concello. Veciños e veciñas da Coruña. Xentes que nos escoitan a través da rede coa mesma emoción coa que falamos neste salón de plenos.
Hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña. Esta cidade recuperou a ilusión e a dignidade. Os coruñeses e as coruñesas temos outra vez un sorriso na cara. A praza de María Pita está agora mesmo ateigada de xente que ve diante de si unha oportunidade histórica. Unha oportunidade para facerse cargo do presente e construír un futuro mellor para todas e para todos. A xente da Coruña, hoxe, volver ser protagonista da súa propia vida. Comeza un tempo novo na nosa cidade. A Coruña deixa de ser un couto privado e o seu Concello pasa a converterse nunha ferramenta ao servizo do benestar de máis de 250.000 persoas. Deixamos de ser o patio traseiro dos señores da desigualdade para poñernos á cabeza da primavera democrática que atravesa Europa. Estamos, de novo, como tantas outras veces na nosa historia, na vangarda do cambio. Esta corporación parécese como ningunha outra á cidade que eu coñezo. Hai xente esta mañá camiñando polos corredores de María Pita que se parece á xente coa que me atopo día a día no meu barrio da Gaiteira. Xente, por certo, que nunca puxera un pé neste Concello. Xente que non se recoñecía neste Concello. Coido que aínda non somos plenamente conscientes da importancia que isto ten: hai xente hoxe aquí, neste salón de plenos, que nunca fora convidada a entrar na súa propia casa. Nin sequera como espectadora. É a segunda vez que eu mesmo accedo a este salón de plenos. A primeira, hai apenas unhas semanas, accedín como un intruso. Sentinme así. Como alguén que non ten dereito a entrar e que ao entrar contrae unha débeda con quen llo permite. Hoxe, polo contrario, calquera pode seguir o que aquí acontece a través de internet. E moi pronto, o antes que poidamos, calquera veciño e calquera veciña da Coruña poderá facerse escoitar aquí, no seu salón de plenos. Hai outra razón pola que esta corporación se parece máis ca ningunha outra á Coruña que eu coñezo. Porque é unha corporación diversa e solidaria que comeza catro anos de convivencia, de diálogo, de debate honesto, de pluralidade e de respecto pola diferenza. Seguir leyendo




