A IMPORTANCIA DO AUTOAPREZO.-Xoan Antón Pérez-Lema*

O PP de Baiona ven de amosar o seu rexeitamento á actuación de Quico Cadaval en galego facendo parte do programa cultural de verán do concello onde chegou no 1493 a nova do descubrimento de América. De primeiras os populares miñoranos mesmo alcumaron ao galego de dialecto (despois rectificarían diante da enxurrada de críticas recibidas), considerando que a nosa lingua é axeitada para outras épocas do ano, mais non para o verán porque-disque- hai moitas segundas residencias na área ocupadas por persoas do resto do Estado.

            Quico Cadaval é un artista monolingüe en galego nas súas actuacións na Galicia. Baiona é un concello de Galicia e o galego é a lingua propia do mesmo, como tamén do País todo. Moitas persoas galegas, portuguesas ou doutros Estados residen en Baiona na época das férias estivais. Canto ás persoas do resto do Estado que residen nesta época do ano, suponse que están vencelladas á vila e ao concello por vínculos de empatía e afección. É dicir, residen recorrentemente en Baiona todos os veráns porque gostan da contorna, da paisaxe e do clima. Porque gostan da xente de Baiona e da súa gastronomía. Porque gostan da nosa cultura, o que supón gostar (ou polo menos respectar) a nosa lingua. Unha lingua que, ademáis, é medianamente comprensíbel para calquera persoa castelánfalante.

            O turismo é unha actividade económica fulcral na economía galega, de Baiona e de toda a bisbarra miñorana. Mais Baiona non é un parque temático. O turismo intégrase aquí a medio de políticas que poñen en valor os seus recursos ambientais, paisaxísticos e culturais. Quen adoita residir  en Baiona nos veráns entende e valora a nosa lingua e a nosa cultura, como o facía Gonzalo Torrente Ballester parolando nos seus faladoiros de mañá con Carlos Casares ou con D. Paco Fernández del Riego.

            A actitude do PP de Baiona ten, na nosa lingua,  un rechamante adxectivo que a cualifica. Eu sonlles máis de suxeito, verbo e predicado ca de adxectivos e velaí que me limite a dicir que unha tal  actitude proxecta un grandísimo complexo de inferioridade e unha moi potente falla de autoaprezo. Porque co galego estamos no mundo. Co galego somos quen a descrebir calquera proceso ou concepto científico ou  técnico  e a crear calquera produto cultural.

               Ocorre que o PP, deste xeito, despreza centos de milleiros dos seus electores que naceron e se desenvolveron en galego. Despreza o ADN da galeguidade que disque reivindican. Desprezan, como ben cantou Celso Emilio Ferreiro, a fala nai, a fala dos avós que temos mortos.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político  

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en A IMPORTANCIA DO AUTOAPREZO.-Xoan Antón Pérez-Lema*

  ENERXÍA, ALIMENTOS E LOXÍSTICA.-Xoan Antón Pérez-Lema*

   

 A grande suba do custo da enerxía e combustíbeis e máis a incapacidade da oferta industrial para satisfacer a demanda post covid-19 obriga á planificación pública a un grande esforzo cara a reindustrialización e reagrarización europea. Os dados amosan unha ruptura das cadeas globais de subministración e a necesidade de que éstas sexan máis curtas e máis resilientes, o que de seguro se vai traducir nun incremento sostido dos custos.Velaí a necesidade de que o noso País, Galicia, mellore a súa autonomía enerxética, alimentaria e loxística para se adaptar nas mellores circunstancias á fonda remuda da economía internacional que comezamos albiscar.

         As enerxías renovábeis achegan case o 90% das necesidads enerxéticas de Galicia, que exporta máis dun terzo da súa produción enerxética global sen obter ningunha contraprestación. Os case sete millóns de madrileños non producen enerxía e viven da que nos e algún outro territorio producimos. O sistema eléctrico español baséase no caro e ineficiente transporte. Neste contexto, os esforzos do Goberno, forzas políticas e   sociedade civil galega haberían orientarse á políticas globais de descentralización do consumo e achegamento do consumo á produción, ao tempo que esixir un pacto de Estado que lle garanta a Galicia retornos axeitados ao seu esforzo económico e ambiental de producir enerxía.

          Da autonomía alimentaria estamos moi lonxe. Como nos aprende o economista galego Marcelino Fdz. Mallo, só destinamos o 3,9% da nosa superficie á produción de alimentos fronte ao 25,6% estatal. Adicamos un 23,5% á produción animal (prados, mpastos e forraxe) e case o 40% a eucalipto e matogueira. Mais, agás supostos territoriais localizados ou casos evidentes de mala xestión, seguimos dispondo de auga abonda, polo menos comparativamente con outros países. É urxente, pois, un pacto de País para deseucaliptizar esas superficies substraídas aos usos agrarios, para desenvolver políticas de reagrarización que incrementen substancialmente a nsoa produción de cereais, froitas, verduras, legumes, vides e oliveiras. O que lle vai dar pulo, como explica Fdz. Mallo, a un substancial incremento das industrias agroalimentarias.

          E  tamén é evidente a necesidade de orientar as nosas estruturas portuarias, ferrroviarias  e de refino petroleiro e regasificación para o beneficio das empresas galegas, no canto de server aos intereses das grandes empresas españolas.

          Estes tres reptos esixen amplos acordos de País para definir potentes e sostidas políticas de noso e moito máis autogoberno. Precisamos máis soberanía para rachar a especialización postcolonial que as elítes  españolas nos impoñen no prexuizo do noso propio desenvolvemento económico e do benestar da nosa cidadanía.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en   ENERXÍA, ALIMENTOS E LOXÍSTICA.-Xoan Antón Pérez-Lema*

RESPONSABILIDADES POLÍTICAS E XUDICIAIS.-Xesús Veiga*

A dimisión de Mónica Oltra de todos os cargos institucionais que ostentaba, ten a súa orixe na investigación decretada polo Tribunal Superior da Comunidade Valenciana por mor duns feitos graves acaecidos nun centro dependente da consellería que dirixía a política de Compromís. Mais alá do desenvolvemento futuro que experimente o procedemento xudicial, esta dimisión pode merecer unha reflexión sobre o comportamento dos partidos políticos durante os últimos anos.

Na altura de 2014 e 2015, cando apareceu Podemos – e tamén Ciudadanos – o taboleiro político estatal estaba dominado por dúas formacións – PP e PSOE – que tiñan un amplo historial de persoeiros acusados de presuntos delitos de corrupción na xestión de diversas instancias gobernamentais (de ámbito estatal, autonómico ou local). Ante semellantes situacións, a resposta dos voceiros autorizados de ambas forzas tiña un común denominador argumental: as eventuais culpabilidades das persoas investigadas só podían ser dilucidadas en sede xudicial, de tal xeito que non cabía contemplar a dimisión das mesmas se antes non existía unha condena en firme. Ou sexa: até que a derradeira instancia capacitada para ditar sentenza (Tribunal Superior e/ou Tribunal Supremo) non emitira ditame, ninguén debería abandonar o seu cargo institucional. Con esta lóxica, desaparecía o espazo das responsabilidades estritamente políticas e deixaba de operar calquera criterio de exemplaridade baseado nun código ético previamente establecido. Só resultaba pertinente o territorio xurídico para depurar as prácticas irregulares, coas consecuencias asociadas a esta opción: dado que a utilización da mentira forma parte das posibilidades de defensa ante un tribunal, aceitase tal posibilidade aínda que iso resulte incompatíbel coas regras dun comportamento público decente esixíbel a calquera representante da cidadanía.

As mobilizacións rexistradas no mes de Maio de 2011 (o que ficou bautizado como “movemento 15-M”) reflectiron un amplo clima social que sumaba, polo menos, dúas indignacións: a que provocaba o grave empeoramento das condicións de vida asociado á crise económica derivada da especulación financeira e inmobiliaria e a constatación de numerosos casos de enriquecemento ilícito protagonizado por diversos dirixentes das organizacións políticas hexemónicas dende o remate dos anos 70 da pasada década. Ese rexeitamento presente en sectores significativos do corpo social que viña apoiando ao PP e ao PSOE non tivo unha tradución electoral explícita até o ano 2015 (eleccións locais, autonómicas e xerais). A entrada da chamada “nova política” no escenario estatal semellaba abrir unha dinámica capaz de propiciar unha efectiva rexeneración nas prácticas desenvolvidas por unha boa parte das vellas elites políticas. Xurdiron, nese contexto, propostas concretas como a realización de primarias na vida interna dos partidos, a limitación dos mandatos de representación, a reforma da normativa electoral e o establecemento de códigos éticos que propiciaran o abandono dos cargos sen agardar por sentenzas xudiciais que tardaban moito tempo en ser ditadas.

Hoxe, varios anos despois, aqueles obxectivos rexeneradores tiveron unha tradución práctica moi cativa. A progresiva perda de peso electoral das novas formacións non facilitou a viabilidade daquelas propostas. Ademais, apareceu unha circunstancia moi relevante: a presenza cada vez maior do “lawfare” na vida política. Noutras palabras: a crecente utilización das instancias xudiciais para desgastar e destruír aos adversarios políticos. As hemerotecas certifican a verosimilitude de tal afirmación: denuncias e querelas presentadas por persoas vinculadas á extrema dereita contra responsábeis políticos de Podemos e doutras organizacións foron finalmente desestimadas despois de ocupar portadas e referencias destacadas nas radios e nas televisións.

A pretensión de acadar un código de conduta compartido pola grande maioría dos partidos a respecto das imputacións por corrupción está condenada ao fracaso. A sensibilidade dominante no electorado non semella premiar a quen utiliza criterios mais esixentes na depuración das responsabilidades éticas e políticas das persoas que ocupan cargos nos poderes executivos e lexislativos. Ademais, a práctica do “lawfare” obriga a unha reconsideración da estratexia seguida até agora no combate contra a corrupción. Porque, nas actuais circunstancias, esixir a dimisión por unha imputación xudicial non suscita as mesmas expectativas que cando se postulaba hai 6 ou 7 anos.

*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en RESPONSABILIDADES POLÍTICAS E XUDICIAIS.-Xesús Veiga*

Homenaxe nacional a González Mariñas.-Xoan Antón Pérez-Lema*

Pablo González Mariñas é unha personalidade senlleira na historia política contemporánea de Galicia. Deputado entre 1981 e 1990, voceiro parlamentario de Coalición Galega (1983-1986) e secretario xeral do PNG-PG (1987-1990), foi actor moi relevante da moción de censura de setembro de 1987 e no goberno tripartito (PSdeG-CG-PNG) que se constituiu de seguido foi conselleiro da Presidencia e voceiro do Goberno. Na súa gobernanza priorizou a construción nacional e  institucional deste país, promovendo a lei de coordinación das Deputacións (co seu horizonte posto na provincia única para Galicia) que logo conxelou Fraga Iribarne no 1990.

   Creou tamén a Escola Galega da Administracion Pública para garantir un emprego público eficaz, moderno e formado dende criterios de país e autogoberno e foi o autor da lei da función pública de 1988, que estableceu regras claras para a construción da Administración Pública galega, rachando coa improvisación e parcialidade dos gobernos de Fernández Albor. Deulle un pulo fulcral ao deseño normativo da Valedoría do Pobo e do Consello de Contas  Promoveu tamén a creación da Policía Autonómica, mais o ferreño neocentralismo do PSOE e PP estatais e a frialdade dos socialistas galegos freou esta  iniciativa. As mesmas forzas que conxelaron a Policía de Galicia e frearon a iniciativa da trasferencia de tráfico do vicepresidente Anxo Quintana no 2009-2010.

   González Mariñas combinou o nacionalismo político do PG republicano, no que militara o seu tío Jenaro Marinhas del Valle, cunha modernidade de estilo e mensaxe e unha grande capacidade de empatía negociadora e se decatou axiña de que o galeguismo non podía ficar ausente da tarefa de encher de contido o autogoberno e as institucións autonómicas a medio do desenvolvemento do Estatuto. Un desenvolvemento estatutario ao que lle dedicou moitos esforzos entre 2005 e 2009, cando volveu ser deputado (esta vez polo BNG atendendo o convite que lle fixo entón Anxo Quintana) e traballou de xeito teimudo por un novo Estatuto de Nación, frustrado pola defección do PP dun  Núñez Feijóo que amosaba xa que o seu principal obxectivo non era Galicia senón facer carreira en Madrid.

  Para Mariñas Galicia é a medida das cousas e o referente da súa cosmovisión. E, como moitos outros patriotas, sacrificou un despexado fururo político para ficar sempre no ámbito do galeguismo político, refugando os cantos de serea dos partidos estatais á esquerda e á dereita.

  Velaí, canda o seu contributo como xurista, universitario e autor literario, as razóns polas que dende a sociedade civil se lle fará este venres 8-X unha merecida homenaxe. Porque as nacións que basean a xeito a súa convivencia e acreditan no seu futuro saben recoñecer aos seus construtores.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en Homenaxe nacional a González Mariñas.-Xoan Antón Pérez-Lema*

5 G y los corazones de piedra.-José Luis Ortiz Güell*

En los últimos tiempos, apenas treinta años, media vida, como cantaba Julio Iglesias, la tecnología y la ciencia se han desarrollado como nunca se había visto hasta ahora.

Igualmente, en la misma medida, se han disminuido y perdido los valores morales de este mundo y sociedad en un mundo globalizado.

Hemos matado a la naturaleza y no sabemos cómo revivirla y lo peor es que la corrupción se ha instaurado vergonzosamente en el poder, en donde tenía sus propios aposentos, desde la misma antigüedad, pero ahora ha recorrido y se ha asentado hasta los últimos rincones de la sociedad.

No tenemos una crisis económica, que, por supuesto se ha convertido en una recesión, que es lo que vivimos, sino que lo hemos superado y lo que estamos presenciando es una crisis vivencial y a pesar de todo ello me extraña el conformismo con el que asistimos a ello y una inmensa mayoría de la sociedad lo observa postrada desde sus sillones y televisores.

Esto no es un sueño, ni una pesadilla de la que un buen día despertaremos, como si nada y la dejaremos atrás para seguir viviendo.

No es así, somos víctimas y espectadores que esperamos la solución de unos salvadores, que no son otros que los que nos han conducido por esta senda.

Es vital recuperar, despertar esos valores, que afortunadamente, aún no han muerto y que los han invernado de la democracia, la libertad y la moral que han sido sustituidos por las mayores vilezas, comprados por la avidez de los mercados donde no existe nada que no tenga un precio, un mercadeo de compra y venta.

No sólo es nuestro derecho, es nuestra obligación restaurar la memora que se nos ha arrebatado, robado y reclamar ese futuro para la juventud que viene que no sólo precisa “reconocerse” sino ser reconocida.

La verdad que no sé el camino a seguir, ni conozco los posibles atajos, aunque me encantaría, pero tenemos una ventaja, tenemos la conciencia de todo aquello que debemos desterrar y jamás volver a retomar.

Espero que quienes me lean, todos ellos, personas honestas, sencillas, buenas, formadas, respetuosas y tolerantes, por lo que se puede constatar sabrán el alcance de mis humildes palabras, con más intención que formas.

Mientras tanto que la cultura, la música, el cine y las artes en general no cejen en su empeño, ni se desanimen y trabajen como siempre por su valiente y leal labor. Que los escritores, periodistas y todas las personas de buena voluntad  sigamos levantando la voz por la justicia, la verdad y la libertad.

La verdad que siendo un Quijote con la semblanza de Sancho Panza, traslado mis deseos, anhelos y desesperos en estos párrafos de una discreta columna, pero no por ello menos contundente los expresa con el mejor , o quizás el peor de los ánimos que no es otro que el de despertar las conciencias.

Para terminar esta pequeña columna decir que no dejemos que los gritos, de dolor, angustia y desesperanza nos dejen sordos y que lo “cotidiano” no se resigne a convertirse en “normalidad” y mate a nuestros corazones…

*José Luis Ortiz Güell, funcionario

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en 5 G y los corazones de piedra.-José Luis Ortiz Güell*

ONDE VAI O PSOE?.-Xoan Antón Pérez-Lema*

 O tópico das dúas almas do PSOE ten unha evidente raigame histórica.. A división do partido en tres correntes (institucionalista de Besteiro, reformista de Prieto e revolucionaria de Largo Caballero) motivou  a falla dunha actuación unitaria tanto antes da guerra civil como despois dela, ficando na irrelevancia até a potentísima aposta da Internacional Socialista á facción de Felipe González (1972-1977).

         Hoxendía a división do PSOE en dúas correntes con poucos nexos en común é evidente. Esta división atende a cuestións territoriais. Na Andalucía, Castela a Mancha e Extremadura mantén o ferreño discurso da España uninacional (velaí a transferencia parcial de voto socialista na Andalucía a prol do PP o 19-.X), mentres que na Galicia, Euskadi, Navarra, as Illes ou o País Valencià as bases e cadros socialistas son máis comprensivos coa plurinacionalidade. Mais esta divisoria refírese tamén á actitude política diante das liberdades ou as decisións sobre que sectores sociais han pagar as crises.

         Adóitase dicir que Pedro Sánchez pertence á alma progresista e aberta do PSOE, mais a meirande parte da súa xestión no Goberno do Estado desminte esta teoría. O PSOE vota canda o PP para garantir os privilexios do duopoñlio televisivo (Atresmedia e Mediaset) e canda o PP, Cs e Vox contra o uso do galego no Congreso ou contra as investigacións da espionaxe ilegal do CNI a cidadáns cataláns e vascos e da conduta do anterior Xefe do Estado. Mentres, o PSOE conxela “sine die” a derrogación da lei “mordaza” e dos delictos de sedición e inxurias e calunias ao Xefe do Estado (descoñecidos nos sistemas xurídicos europeos) e o diálogo no que inxenuamente acreditaron os soberanistas de ERC, mantendo na súa integridade as solucións represivas de Rajoy fronte a Catalunya. A última carta da baralla foron as loubanzas de Sánchez á xendarmería marroquina, responsábel da morte de 37 inmigrantes subsaharianos. Abascal diríao moi semellante.

         Velaí que o PSOE teña un gravísimo problema a respecto, non só das vindeiras eleccións estatais (onde millóns poden transitar cara á abstención), senón mesmo cara ao futuro. E para resolver ese problema haberían adoptar unha decisión fundamental: se queren perpetuar para sempre o bipartidismo dinástico no contexto da Monarquía e do dominio real do deep state ou queren consstruir unha ferramenta útil de transformación  tranquila  para as clases medias e traballadoras, dende os parámetros da socialdemocracia e da pluralidade territorial. Non podes repenicar  a campá se estás na misa.

            Na Galicia esta divisoria agrávase co práctico esgazamento do PSdeG en dous sectores irreconciliábeis, que amosan nula capacidade de integración recíproca, ademáis da evidentefalla dun proxecto para Galicia.

            Neste contexto, só a vocación municipalista do PSdeG sería quen de facerlle safar nalgúns concellos na proba de lume das locais de maio de 2023.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Comentarios desactivados en ONDE VAI O PSOE?.-Xoan Antón Pérez-Lema*