Cadernos da Viaxe: Bipartidismo e Deputacións – Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

Semella que Rueda non percebiu ou non quere percebir, mais PP, PSOE e a Federación Española de Municipios e Provincias teñen aquelada xa unha nova Lei básica local, coas excepcións que cumpran a respecto de Euskadi e Navarra e mesmo de Catalunya, que desfruta en virtude do seu novo Estatuto da plenitude competencial no eido local. Nós tamén poderíamos tela, evitando o dano que nos vai xerar a reforma local que nos ven enriba, se Feijóo tivese sido abondo patriota para aprobar, a primeiros do 2007, o novo Estatuto que os tres grandes partidos de entón tiñan pactado no Parlamento.

Ben, Deus nos libre dun xa foi. Pero velaí ven  a extrema potenciación das Deputacións, que asumirán os servizos públicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Xa que logo, impediráselles aos pequenos concellos desenvolver políticas propias en  benestar social, para unificar dende o nível estatal  (vía provincias) a xestión e prestación dos servizos, mesmo a colaboración e participación privada nos mesmos. Teremos máis centralización da contratación pública local nas Deputacións, menos autonomía municipal e menos calidade na prestación dos servizos

Cara á Xunta estas Deputacións empoderadas constituirán unha caste de xurisdicións exentas, en directa conexión cos Ministerios, extremando deste xeito as contradicións entre Poder galego e Deputacións. E marcando o proxecto político-territorial do PP, que tentaría reconducir o autogoberno galego a unha caste de  Mancomunidade de Deputacións. Proxecto que sería común a todos os territorios do Estado, agás Euskadi, Catalunya, Navarra e as Illas Baleares e Canarias.

A potenciación das Deputacións multiplica os riscos de corrupción, afasta a xestión da cidadanía e garante que a burocracia bipartidista (PP-PSOE) sigan a desfrutar de milleiros de cargos inúteis. Mais o que resulta verdadeiramente grave é a inacción do PPdeG e do PSdeG (se é que aínda se lles pode alcumar con esas siglas) diante dunha das peores agresións ao autogoberno galego, á autonomía local e á extensión e calidade dos servizos públicos desque aprobaron o Estatuto deste País.

A ARRINCADEIRA: O alcalde compostelán ha demitir.

A xestión municipal do PP compostelán está a fanar moi gravemente o prestixio desa capital tan  universal. A imputación atinxe ao núcleo esencial da contratación administrativa municipal. Xa que logo, sen prexuizo da presunción da súa inocencia no ámbito xurídico-penal, Currás ha demitir.

Publicado en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema | Deja un comentario

Desigual distribución da crise e da riqueza – Xosé A. Gaciño

Non é que sexa exactamente como a lei da conservación da materia –iso de que, nunha reacción química, nin se crea nin se destrúe, só se transforma–, pero algo parecido ocorre coa riqueza, mesmo nos tempos de crise, cando se pensa que toda a economía se ven abaixo e arruína a todos en maior ou menor medida. Nin a crise afecta a todos nin tampouco as medidas coas que supostamente se a quere combater. E se a riqueza, ou parte dela, diminúe ou desaparece dun grupo social, dun sector económico ou dun país, o máis probábel é que apareza ou aumente noutros grupos, sectores ou países. 

De feito, hai a quen a crise non só non lle afecta, senón que lle proporciona máis beneficios. Ven de saír, por exemplo, a lista dos homes (e algunha muller) máis ricos do mundo, os de maior patrimonio, que elabora a axencia de información económica Bloomberg. Entre os cen primeiros multimillonarios do globo atesouraron no 2012 un total de 182.800 millóns de euros máis que no ano anterior. A suma dos seus patrimonios chega xa aos 1,4 billóns (máis do dobre da débeda pública de España en circulación, por poñer unha referencia), cun incremento medio do 15 por cento.

Individualmente, só 16 dese cento de supermillonarios (e só un dos corenta primeiros) viron descender levemente o seu patrimonio. E o que o viu medrar máis no 2012 foi Amancio Ortega, o máximo accionista do grupo téxtil galego Inditex (que está a sacar moi altos rendementos aos tempos de crise grazas á súa expansión internacional, sobre todo en Asia, onde xa traballa a metade do seu persoal). O grupo revalorizouse en bolsa un 66 por cento e Ortega incrementou o seu patrimonio un 62 por cento (16.800 millóns máis no 2012, ate situarse en 43.600 millóns de euros).


A estas alturas da aplicación de austeridades discriminatorias, xa sabemos que as consecuencias da crise nin recaen necesariamente sobre os que a provocaron nin se reparten de xeito equilibrado entre os diferentes segmentos da poboación. Asalariados, traballadores autónomos, pequenos e medianos empresarios tratan de sobrevivir no panorama incerto dunha economía estancada, co gasto público recortado e os créditos conxelados. Poden intentar emigrar, como hai cincuenta anos, a países do entorno que manteñen un nivel de actividade económica minimamente folgada, pero esta vez non hai traballo para todos. Poden intentar desenvolverse na economía somerxida, entre a picaresca e a complicidade de chapuzas e subcontratas, mentres poidan ocultar a súa situación de ilegalidade.


O que non poden, case con toda seguridade, é trasladar os seus talleres a países con man de obra mal pagada ou case escravista, montar a sede fiscal de cada unha das súas actividades no paraíso fiscal más axeitado, dispoñer de información privilexiada e ter acceso a subvencións, créditos e investimentos nacionais ou internacionais. Nin gozar da inercia que favorece aos máis favorecidos (a sorte do campión, que din no deporte).


Os defensores do sistema poderán argumentar que Amancio Ortega empezou desde abaixo, coas batas de boatiné en A  Coruña, e hoxe é a terceira fortuna do mundo. Sen pretender quitarlle méritos, e sen entrar en detalles sobre cómo se fan (e a costa de quén) cada unha das grandes fortunas, é evidente que non todo o mundo pode entrar no círculo dos grandes triunfadores. E admitindo como normal que uns poucos acaden eses niveis patrimoniais, tamén debería considerarse normal que toda persoa, en todo o mundo, teña garantido o seu nivel de subsistencia. Nestes momentos, aínda hai recursos para conseguilo. E quizais non sería mala idea que se estendese entre os supermillonarios o exemplo dos estadounidenses Bill Gates e Warren Buffet (segundo e carto na lista Bloomberg), que dedican a metade das súas fortunas a actividades filantrópicas, mesmo se o fan por aforrar impostos.

Publicado en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño | Deja un comentario

Ceferino – Xesús Veiga

Ceferino Díaz

Foi  moi duro regresar á Facultade de Económicas de Santiago despois do 25 de Decembro.O despacho situado ao carón do que ocupo habitualmente ficaba baleiro e no bar xa non ía  compartir o café das 12 para comentar as últimas novidades rexistradas na vida política.Ceferino estaba ausente para sempre e tiñamos que asumir semellante circunstancia precisamente cando en poucos días comezaba un novo ano que supuña o remate formal do seu ciclo laboral como profesor universitario.

Coñecín a Cefe nos anos 70 do pasado século.Eramos oriúndos de concellos limítrofes (O Saviñao e Pantón) mais foi Santiago o punto de encontro, tanto no eido académico coma no político.Formabamos parte de dúas organizacións diferentes (PSG e MCG) pero non tan distantes naqueles anos previos á primeira cita coas urnas.De feito, fun dos que votou ao partido liderado por Xosé Manuel Beiras o 15 de Xuño de 1977.Compartimos, pois, o amargo sabor da derrota mais non renunciamos a seguir traballando na esfera da política aínda que fose dende organizacións situadas en territorios mais afastados que no pasado.


Coincidín durante case tres lexislaturas na oposición aos gobernos de Fraga dende os escanos do Hórreo.Mais alá das lóxicas diverxencia derivadas da respectiva militancia no PSdG e no BNG, tiñamos a común convicción de que era necesario e posíbel construír unha alternativa á hexemonía política do PP.Ceferino era dos que cría firmemente no entendemento entre socialistas e nacionalistas e teño constancia expresa de que, no ano 2005, formulou propostas concretas para reforzar a coalición de goberno, propostas que lamentabelmente non foron estimadas por quen debería facelo.


Cando regresou á vida universitaria no ano 2011 fixo unha demostración práctica da súa categoría moral:ante a pretensión inicial da equipa reitoral de rescindir diversos contratos de profesores asociados, non dubidou en adquirir un explícito e singular compromiso na defensa da continuidade laboral das persoas afectadas a pesar de que el podía disfrutar dunha xubilación anticipada por mor da súa grave doenza física.


Ceferino era así.Unha persoa solidaria que non tiraba a toalla ante as dificultades.As siglas e as ideas son importantes pero non todas as persoas son capaces de xerar a credibilidade suficiente para que a sociedade acredite nas propostas transformadoras.Cefe formaba parte dese capital humano que tanto necesitamos.

Publicado en AUTORES, Xesús Veiga Buxán | Deja un comentario

Cadernos da Viaxe: O capitalismo castizo – Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

O modelo económico da dereita española non foi nunca, nomeadamente, o do emprendemento, a eficiencia e a libre concorrencia. Máis ben o que o distinguiu ten sido a confusión entre Poder político e oligarquía económica. O que un bó amigo de meu chama “o capitalismo castizo de BOE”. Exemplos na historia témolos a eito, entre eles o monopolio de petróleos de Calvo Sotelo, ou  a privatización das empresas públicas do binomio Aznar- Rato nos anos 90 do século pasado. É ese capitalismo ineficiente que prioriza Rexistradores da Propiedade, basculeiros e listeiros a respecto dos investigadores, científicos e creativos. A mesma que históricamente cargaba as facturas co 13% de gastos xerais e 6% de beneficio industrial como si o BOE houbese definilos e na economía eficiente o prezo non fose produto dunha decisión de mercado e, dende logo, comprensivo dunha parte de custo e outra de beneficio.

O primeiro ano de Goberno Rajoy afondou nesta liña de distorsións á competencia e restricións á economía do coñecemento e da investigación. 34 Premios Nobel veñen de lle dicir a Rajoy que os recurtes á ciencia e á investigación botarán fóra á economía española dos círculos de progreso tecnolóxico e calidade. E que dicir do tarifazo do Ministro Soria? No canto de gravar o consumo excesivo de electricidade chega gravar a produción cargando aos galegos cos custos fiscais á enerxía producida no noso País. Cando, en realidade, a nosa cualidade de País produtor e os custos ecolóxicos que sofrimos xustificaría unha enerxía moito máis barata ca a de Madrid, que non produce nin o 10% da enerxía que consume.

Mentres, o Ministro Soria segue coa súa política suicida, que teima tamén  no illamento do sistema enerxético español a respecto do europeo, ao Ministerio de Industria veñen de lle retirar dende a UE as competencias sobre emisións de CO2, como ao Ministerio de Economía lle retiraron no verán as súas competencias de control sobre o Banco de España. Agora ben, diminuiu o orzamento e o persoal destes Ministerios? Non, o problema seica son os gastos da Generalitat ou da Xunta de Galicia.
 A ARRINCADEIRA: Rouco Varela pontifica.


O exemplo de Caritas e doutras ONG cristiás na loita contra a exclusión social nestes tempos contrasta co discurso de Rouco Varela, a quen semella só preocuparlle o ensino en castelán ou a unidade de España. Cuestións éstas que non sei que conexión teñen coa mensaxe de Xesús de Nazaret.

Publicado en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema | Deja un comentario

Lo esencial en las "corridas de toros" – Carlos Díaz Suárez

No nos engañemos, lo esencial en las corridas de toros no es el arte que despliega el torero en el manejo de la capa o la muleta. No, no es eso. Lo que realmente atrae a los aficionados a la “fiesta” de  los toros es el morbo que experimentan al contemplar, en vivo y en directo, al torero exponiéndose a la muerte, mientras tortura durante 20 minutos interminables a un toro herido. Esa es la cruel realidad. Todo lo demás es literatura. Es una falacia afirmar que la fiesta de los toros es la “noble lucha entre un toro y un hombre”, pues el torero cuenta siempre con otra persona cuya ayuda es decisiva: el “picador”. A lomos de un caballo y provisto de una vara (garrocha), con el extremo ensartado en una pieza de acero de 9 cm de largo (puya), con tres cuchillas afiladas, el picador arremete contra el toro, clavándole la puya en el “morrillo”, hasta dejar el animal con dificultades para embestir que es lo que se pretende. El picador, al clavar la puya también en los aledaños del morrillo, lesiona vértebras, médula espinal y nervios periféricos, con lo que incrementa, todavía más, los crueles dolores que el toro está experimentando. El sufrimiento del toro es muy intenso, pues tiene un sistema límbico análogo al nuestro y segrega idénticos neurotransmisores ante la sensación dolorosa. Por si esto fuera poco, a continuación el picador colabora al “esplendor de la
Fiesta” con dos muestras más de puro sadismo: el”sacacorchos” y el”mete-saca”. El “sacacorchos” consiste en imprimir a la garrocha un movimiento de rotación sobre su eje, para que la puya, clavada en el cuerpo del toro, gire con sus tres cuchillas afiladas y genere aún más dolor y más pérdida de sangre. La “fiesta de los toros” continúa con la maniobra llamada “mete-saca” más cruel, si cabe, que las anteriores, pues consiste en imprimir a la garrocha un movimiento de vaivén, con objeto de que la puya penetre aún más hondo en el cuerpo del toro, llegando a alcanzar más de 20 cm. de profundidad y con más de siete trayectorias distintas. Además, y por desgracia para el toro, alguna puya traspasa su pleura provocando neumotórax y la consiguiente insuficiencia respiratoria. Tras pasar por este sádico “tercio de varas” el toro ha perdido la fuerza y la bravura iniciales, por lo que no tiene deseos de embestir. Para lograr que lo haga, le clavan varios pares de “banderillas” cuyos arpones provocan un intensísimo dolor que no cesará hasta que reciba la estocada final, o el “descabello” o la “puntilla”, que pondrá fin a su cruel agonía. Visto todo lo que antecede, puede decirse, con toda certeza, que la palabra “compasión” no figura en el diccionario de la tauromaquia.

El artículo periodístico tiene sus limitaciones, pasemos por alto, pues, los rituales, rebosantes de “cultura “y de “tradición”, que tienen lugar en muchos pueblos de España el día de su fiesta mayor, Nos referimos, por ejemplo, al Torneo del Toro de la Vega (Tordesillas-Valladolid) en el que el toro es atacado por un grupo de lanceros a caballo y a pie que le clavan las lanzas hasta su muerte. Los “correbous”, que consisten en prender fuego a dos antorchas que se sujetan a los cuernos del toro, que además es apaleado y herido con pinchos, etc…. Hasta hace poco, en Manganeses de la Polvorosa (Zamora), todos los años, el día de la fiesta del pueblo, tiraban una cabra desde el campanario de la iglesia. Es una pena que se haya perdido esa tradición y ese valor cultural, que atesoraba la comarca.

La adicción a los espectáculos de tortura y muerte está enraizada en el “inconsciente colectivo”(valga la expresión de Carl G.Jung) de los humanos, desde los albores del “homo sapiens”. No hay que olvidar que procedemos del reino animal, y eso, se nota con mucha frecuencia… Cuanto más antiguo es el espectáculo, más cruel y sangriento se muestra. Todos estos, llamémosles, rituales (por no llamarles “salvajadas”, que suena feo), tienen un denominador común más o menos explícito: están envueltos en un sutil halo pseudo-religioso, (no en vano las corridas de toros tienen en origen componentes míticos) que se hace más patente cuando los aficionados nos cuentan sus vivencias emocionales al presenciar las “corridas de toros”. Sólo así, desde esa perspectiva pseudo-religiosa, se entiende que personas señeras en los ámbitos literarios, filosóficos, artísticos, etc. puedan verter en los medios de comunicación “perlas” de este tenor: “Tratar bien un toro de lidia consiste precisamente en lidiarlo”.(Fernando Savater, filósofo. ). Después de reconocer que “Nadie que no sea un obtuso o un fanático puede negar que la fiesta de los toros es un espectáculo impregnado de violencia y crueldad” (Mario Vargas Llosa), 8 años después, defendiendo a ultranza la celebración del las corridas de toros, dice: “Los aficionados amamos profundamente a los toros bravos”.  El poeta Manuel Machado:”Antes que un tal poeta, mi deseo primero \ hubiera sido ser un buen banderillero”…

No hace falta recurrir a etólogos como Frans de Waal, Jane Goodall, Edward O.Wilson, etc. para ser conscientes de que los animales, “compañeros de sufrimientos” según el filósofo Ferrater Mora, son capaces de sentir dolor, alegría, celos, cariño hacia las personas, sufrimiento psicológico, etc., y también comportamientos éticos como altruismo y lealtad, aunque, en muchas ocasiones, no sean ni comprendidos ni correspondidos por los humanos. ¿Hasta cuándo las autoridades van a seguir permitiendo espectáculos de tortura, la que sea?

Publicado en ARTÍCULOS DE OPINIÓN | Deja un comentario

Morrer coa conciencia crítica posta – Xosé A. Gaciño

Ceferino Díaz

A súa última intervención en público foi na reunión do Comité Nacional do PSdeG-PSOE do pasado 11 de novembro para reclamar un cambio moi profundo no seu partido, para ilusionar á militancia e para reconciliarse coa cidadanía, “que nos ve hoxe, aos socialistas, máis como profesionais da política que como persoas preparadas e dispostas a servir”. Entendía que viñan de fracasar nas últimas eleccións autonómicas por falta de propostas, e que un partido non se pode definir só por estar á contra, por criticar ao goberno, senón, fundamentalmente, por achegar solucións.

Recordou que o dogma neoliberal, cuxa aplicación o PSOE critica ao actual goberno conservador, foi aceptado polos socialistas en maio do 2010, porque “naquel momento non tiñamos alternativa, nin a tiñamos nós nin a tiña a socialdemocracia europea”, que despois reformaron a Constitución “porque nos mandaron e tamén porque non tiñamos alternativa” e que agora seguían sen ter alternativa, nin para o Estado nin para Galicia. E avogaba pola elaboración de propostas de esquerdas e galeguistas desde un partido máis aberto e máis participativo, “que aclame menos e debata máis”.


Ceferino Díaz morreu coa conciencia crítica posta. Levouna sempre posta ao longo da súa traxectoria, xa desde a Facultade de Económicas compostelá, aquel viveiro de “rojos” e “separatistas” (segundo a valoración franquista), encabezado no seu momento polo profesor Xosé Manuel Beiras, e do que tamén saíron os dous presidentes socialistas da Xunta, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, cadaquén cos seus recorridos partidarios (desde o PSG ou o PCG até o BNG ou o PSOE, segundo os casos), no medio de encrucilladas persoais que desgarraban ilusións xuvenís e obrigaban, nalgúns casos, a afrontar políticas pragmáticas, que non sempre resultaba fácil compatibilizar coas conviccións profundas.


Incorporado ao PSOE desde o nacionalismo de esquerda (o PSG de Beiras), Ceferino Díaz plantou cara ao xacobinismo da súa dirección central, a de Alfonso Guerra, para intentar que o Estatuto galego non fose de segunda división. A súa carreira política foi case exclusivamente parlamentaria, primeiro na cámara galega (na que foi voceiro do grupo socialista e presidente da Comisión de Economía) e despois, do 2000 ao 2011, no Congreso, no que presidiu unha subcomisión sobre a catástrofe do Prestige. Nos últimos dez anos, ademais, tivo que soportar o padecemento do cancro de medula que ven de rematar coa súa vida. A democracia, o socialismo e Galicia foron as bases das súas conviccións e os obxectivos do seu traballo. Desde a discreción, a honradez e o sentido crítico.


Penso que é importante falar de exemplos como este nuns momentos nos que se repiten descualificacións contra todos os políticos en xeral, como consecuencia dos escándalos producidos por determinadas prácticas de corrupción que, en certos niveis de xestión pública ou partidaria, dan a sensación de ter carácter sistemático. Os propios partidos políticos non parecen moi interesados en desmentir esta sensación: a maioría das veces defenden aos sospeitosos ate o último segundo antes da súa condena xudicial. E seguen preferindo aos que aclaman, en vez de atender aos que critican e debaten.

Publicado en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño | Deja un comentario