Transitando polo 2013- Xesús Veiga

 

1f31c-xesusveigaO calendario electoral ofrece poucos anos sen citas coas urnas.O 2013 foi un deles.

Este ano singular naceu con dúas novidades significativas no panorama político galego:o triunfo electoral de Núñez Feijoo e a irrupción de AGE como terceira forza no pazo do Hórreo.Ambas circunstancias foron relativamente sorprendentes.O PPdG –e, mais concretamente, o seu presidente- pagou un custe electoral inferior ao que cabía deducir despois de coñecer e padecer os efectos das políticas practicadas a partir de 2009.A coalición liderada por X.M. Beiras acadou un nivel de representación que nin sequera entraba nos cálculos mais optimistas dos seus promotores.

A cómoda maioría absoluta de Feijoo outorgáballe unha ampla capacidade de manobra para enfrontar os vellos problemas herdados da súa xestión anterior.A pesar da diminución no número de votos recibidos, os 41 escanos eran consecuencia do efecto combinado das características do sistema electoral e do medre da fragmentación nas ofertas electorais realizadas dende a oposición.Analizando o sucedido nestes meses, constatase un fenómeno singular:o presidente da Xunta estivo mais preocupado polo impacto das súas fotos con Marcial Dorado que pola evolución negativa dos principais indicadores da situación económica e social do País.O coñecemento público desa vella e perigosa amizade de Alberto Núñez  ten unha indiscutíbel relevancia por mais que –na historia galega dos últimos trinta anos- as relacións entre a política e o narcotráfico non mereceran –nas prioridades das axendas dos partidos- o protagonismo que cabería agardar pola transcendencia social desa actividade delitiva.O habitual escudo mediático protector da imaxe presidencial non foi quen de impedir o coñecemento dunhas fotografías comprometedoras e provocou unha fenda que pode ter consecuencias irreversíbeis nas evidentes ambicións políticas do inquilino de Monte Pío.

Vive mellor hoxe a maioría da sociedade galega que hai unha ducia de meses?Imposíbel dar unha resposta afirmativa.O goberno da Xunta predicou a inevitabilidade da desfeita económica, receitou unhas doses notábeis de resignación e utilizou abusivamente a lóxica comparativa coas desgrazas dos demais para xustificar a pasividade propia.A crise de Pescanova foi un exemplo paradigmático da táctica do Executivo:cando ía ben, figuraba no haber de Feijoo; cando chegaron os problemas graves, apareceu o estrondoso silencio para botar terra sobre a pública complicidade de Fernández de Sousa coa campaña de descrédito desenvolvida polos dirixentes do PP contra o goberno bipartito.

NCG era unha proba de lume para Feijoo.Grazas á presión exercida por un amplo  estado de opinión favorábel ao mantemento dunha institución financeira co centro de gravidade na Galiza –en cuxa xestación tiveron un papel relevante diversas organizacións nacionalistas-, Feijoo puido salvar a cara cunha fórmula final menos nociva que a derivada da hipotética absorción polas entidades bancarias dominantes no Estado.Non é o salvador que proclaman os seus fans:sobre os vimbios do sistema financeiro galego non emerxeu algo parecido a CaixaBank ou Kutxabank.Temos que consolarnos con ficar na porta do inferno.

A oposición parlamentaria estivo excesivamente ocupada na xestión das súas necesidades internas. O PSdG e o BNG renovaron as súas equipas dirixentes para transitar  pola nova andaina derivada dos comicios de 2012.AGE padeceu os primeiros síntomas daquela vella advertencia de Felipe González (“tamén se pode morrer de éxito”) e pasou de prometer unha nova forma de facer política a protagonizar episodios propios de calquera forza convencional.

Coma sempre ocorre, o eventual fracaso dun goberno está vinculado, parcialmente, ao labor que desenvolva a oposición.O futuro de Feijoo vai depender, nunha medida decisiva, da capacidade que demostren PSdG, AGE e BNG na construción dunha alternativa críbel. 

Xesús Veiga

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.