Dificultades para cambiar o sistema- Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oPor unha parte, as indignacións pola crise e pola corrupción, por esa sensación de que a corrupción se xeneralizou e de que a corrupción está na orixe da crise ou polo menos no seu agravamento. Por outra parte, as indignacións cruzadas a propósito das reivindicacións independentistas en Cataluña, que tamén teñen algo ou moito que ver coa crise (ou co intento de camuflar determinados efectos das medidas adoptadas supostamente para superala). O caso é que, no medio do clima da chamada desafección cidadá con respecto aos políticos, están a proliferar as opinións que reclaman cambios no sistema.

Algúns conformaríanse con cambiar de políticos ou de partidos. Outros van máis alá e pensan que vai ser difícil cambiar de políticos e de partidos se non cambian as leis, tanto as que se refiren ao funcionamento dos partidos como, sobre todo, as que regulan as eleccións. No nivel máis alto de esixencia sitúanse os que aspiran directamente a cambiar a Constitución, o que incluiría, ademais doutras posíbeis melloras, a posibilidade de readaptar o modelo territorial para encaixar mellor a Cataluña nun Estado común, antes de que a deriva independentista –en tendencia ascendente, segundo reflicten as sondaxes– sexa incontrolábel.

As opinións en torno a estas necesidades de cambios no sistema enchen espazos nos diferentes medios de comunicación, ás veces con debates apaixonados nos que abondan predicións catastrofistas en moi diversas direccións. As ansiedades polos cambios provocan tamén defectuosas lecturas da realidade, con espellismos voluntaristas a partir de mínimas variacións nas enquisas ou de mobilizacións circunstancialmente significativas (xeralmente pola represión desmesurada da policía, coa súa contraproducente táctica de meter medo aos potenciais manifestantes pacíficos da maioría silenciosa).

Todos estes movementos de opinión e de manifestación, xunto cos incipientes intentos de organización alternativa ou de promoción de novas formacións políticas, abren, sen dúbida, vías de esperanza no panorama desolador de recortes de salarios e de dereitos (que son os cambios que este goberno está a introducir no sistema, xunto con certos clamorosos retrocesos ao nacional-catolicismo) e mesmo parecen mostrar que pode haber vida máis alá da desesperada e desesperante desafección contra os políticos (ás veces, moi preta á desafección contra a democracia). Pero, salvo catástrofes (que case sempre empeoran as cousas), estes movementos teñen un percorrido a longo prazo, se non é que se estancan en canto se normalice a situación económica, é dicir, en canto a maioría da cidadanía remate de adaptarse á nova situación de precariado xeral, que é o máis parecido a normalización que se adiviña no futuro neoliberal que nos agarda.

Na realidade, unha boa parte deses cambios necesitan de maiorías parlamentarias cualificadas, sobre todo se pensamos en reformas constitucionais. É dicir, necesitan do acordo dos dous grandes partidos estatais, que, aínda que van perdendo fol electoral en todas as sondaxes (e, de feito, nas últimas eleccións xerais sumaron algo máis do setenta por cento dos votos, cando antes superaban o oitenta por cento entre os dous), aínda gardan unha apreciábel distancia con respecto aos seus máis inmediatos seguidores, grazas a unha lei electoral que, ademais de prexudicar ás provincias máis poboadas no reparto de escanos, elimina practicamente a proporcionalidade na asignación de escanos nas provincias menos poboadas (que son a maioría).

Deses dous grandes partidos, só os socialistas están dispostos a acometer unha reforma da Constitución para dar estrutura federal ao modelo territorial. E ningún dos dous mostra o máis mínimo interese por modificar unhas normas electorais que, ao longo destes trinta e cinco anos, lles beneficiou claramente. Mentres sigan recibindo máis dos dous terzos dos votos cidadáns, a pesar dos escándalos de corrupción e do deterioro social, eses debatidos cambios terán que esperar.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.