Un escenario económico sen alternativas- Xosé A. Gaciño

 

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1o

Se difícil é abrir vías no escenario político de España para introducir no sistema cambios que osixenen un panorama de corrupción e degradación das institucións, máis difícil, por non dicir imposíbel, é pretender cambiar o escenario económico, que supera o marco estatal e que ademais está suxeito á interacción de innumerábeis factores, a maioría deles fora do control da maioría dos axentes económicos e sociais xuntos ou por separado (estados, organismos internacionais, corporacións, empresas, sindicatos, entidades varias e individuos en solitario). O poder económico é menos visíbel que o poder político. En realidade, é case invisíbel, e diluído entre as infinitas causalidades e casualidades nas que se move, pero implacabelmente eficaz no seu automatismo depredador.

Nun sistema baseado na libre competencia e no xogo de oferta e demanda, asistimos á formación habitual de oligopolios e monopolios, ou á subida de prezos cando a demanda baixa. O principio predominante, o do máximo beneficio, potenciado pola tendencia neoliberal triunfante desde os anos oitenta, instalou a especulación pura e dura no centro das decisións económicas, relegando a actividade produtiva a unha condición subordinada e superando ou esquivando, crise tras crise, todos os intentos de regulación financeira.

A crise económica actual, semellante ao famoso crac do 1929 –froito tamén, como este, do desmando de operacións especulativas–, está a ser aproveitada pola parte visíbel dos poderes económicos (é dicir, polos políticos ao seu servizo) para adaptar as economías europeas ás novas condicións que empezan a marcar as economías emerxentes. Os recursos do planeta son limitados e, se algúns dos países menos desenvolvidos (ou máis atrasados) conseguen acceder ao paraíso do crecemento, parece inevitábel proceder a un novo “reparto”, que implica rebaixar o nivel de vida medio nos países até agora ricos.

Por suposto que neste proceso, e sen necesidade de que haxa unha conspiración trilateral, se manterá ou se ampliará a parte correspondente ao 1 por cento dos máis poderosos (eses que nestes momentos reúnen tanta riqueza como o cincuenta por cento dos habitantes do planeta) e aos que se van sumando os máis poderosos dos emerxentes (incluídos os da nova superpotencia, China, aínda nominalmente comunista). Pouco importa que,  nas recentes sesións do Foro Económico Mundial en Davos, os expertos expuxesen a súa preocupación ante os alarmantes índices de desigualdade (en aumento en todo o mundo) e non por razóns morais, senón por razóns de eficiencia económica. Como no escorpión da fábula, está na natureza dos depredadores da especulación capitalista cravar o aguillón letal nas costas do corpo social que os manteñen (á diferenza da fábula, neste caso parece que o depredador sempre flota, aínda que se afunda o país, que para iso están os paraísos fiscais). A lei do máximo beneficio para o que pode obtelo, caia quen caia.

Alternativas racionais a esta selva en fase de deforestación poden elaborarse a partir de estudos serios sobre o control e regulación global das dispoñibilidades de recursos, do aproveitamento de enerxías sostíbeis e do crecemento demográfico, mesmo sen necesidade de saírse do sacrosanto sistema capitalista, aínda que sería mellor noutro sistema máis solidario. E con propostas audaces de novos modelos de vida (reparto do traballo e consumo responsábel, por exemplo). Puras utopías, claro, que dificilmente apoiarán os emerxentes que esperan a súa correspondente ración de consumismo e benestar, nin tampouco os que teñen que renunciar á súa parte de “privilexios”. Con iso contan os poderes económicos invisíbeis, dispersos e fora do control social, que nin sequera teñen que molestarse en conspirar para que se manteña a salvo a riqueza do 1 por cento.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.