A espiral da desconfianza- Xesús Veiga

264c2-xesusveigaA eliminación parcial do segredo do sumario da chamada operación Pokemon, confirma a existencia de indicios relevantes de condutas delitivas e coloca no primeiro plano da política galega a coñecida cuestión da pertinencia da dimisión de todos aqueles cargos institucionais que aparecen involucrados nas actuacións investigadas.

Seguir aplicando o criterio de que só se debe abandonar a vida política institucional se existe unha sentenza xudicial firme é un absoluto despropósito que desconsidera a gravidade da desconfianza que ten medrado no seo da sociedade a respeito do exercicio da función política .Calquera perspectiva que postule un proceso de rexeneración democrática esixe, neste momento, unha exemplaridade máxima por parte dos dirixentes e cargos das organizacións partidarias. Aínda que, finalmente, algúns dos implicados non resultasen condenados no trámite xudicial, sería moito mais produtivo para a saúde do sistema democrático a limpeza total das sospeitas que hoxe pesan sobre determinadas alcaldías e concellerías.

Para algúns analistas, a relevancia desta operación é reducida debido á  pouca dimensión dos recursos monetarios presuntamente manexados para corromper a vontade dos cargos representativos que figuran no sumario. Aceitar este argumento é tanto como establecer unha medición cuantitativa da ética que debe rexer no exercicio da función representativa.¿Onde está a fronteira do permisíbel? ¿ E quen establece semellante liña divisoria?

O que hoxe precisa a vida política é unha pedagoxía contundente dos actores que ocupan o escenario. Sobran as apelacións retóricas á presunción de inocencia derivadas da patolóxica tendencia á xudicialización de todo o que sucede nas Administracións públicas. Os partidos están emprazados, con urxencia, a recuperar, con mais feitos que palabras, a confianza e o crédito perdidos nos últimos anos. No caso da Pokemon, só o BNG estivo á altura das circunstancias coa dimisión inmediata do único concelleiro afectado polas indagacións xudiciais.No caso do PP e do PSdG, as decisións adoptadas (basicamente, agardar ás sentenzas futuras) alimentan a espiral da desconfianza cidadá. E, ademais, actúan cunha incongruencia notábel. En Lugo e Ourense os dirixentes populares pediron as dimisións que non practicaron en Santiago. Nesta cidade, ao mesmo tempo, os voceiros socialistas denuncian a gravidade que representa para a gobernanza da cidade a imputación do seu alcalde mentres en Lugo semellan convivir sen problemas cunha situación análoga. E o que xa resulta directamente surrealista é a dupla vara de medir que practica Núñez Feijoo no seu propio partido:Conde Roa e Gacio tiveron que dimitir pero Currás debe seguir no cargo. E cando hai unha sentenza que afecta á conselleira de Sanidade, non se cumpre a norma previamente invocada –responsabilidades políticas só se hai sentenzas condenatorias- porque o presidente da Xunta decide arbitraria e discrecionalmente que non procede facelo.

Estamos a quince meses das eleccións municipais. ¿Atreveranse a formar parte das candidaturas aquelas persoas que protagonizan as lamentábeis peripecias da operación Pokemon?¿ Cal será o comportamento dos votantes ante este penoso espectáculo? As respostas serán decisivas para avaliar o nivel de calidade da democracia realmente existente.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.