Esperpento italiano, con corrupción, racismo e machismo- Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oTiñan o partido comunista máis potente e de maior presenza electoral da Europa occidental e agora case non teñen esquerda. Viviron o proceso máis espectacular contra a corrupción, que se levou por diante á todopoderosa Democracia Cristiá e a un Partido Socialista en ascenso, pero chegou despois a corrupción absoluta do berlusconismo. No norte industrial, de onde partiu o pulo da unificación italiana hai século e medio, aséntase hoxe unha forza política nacionalista, racista e xenófoba, que compara con simios a unha ministra negra e lle bota plátanos. Mesmo un dos movementos xurdidos das protestas antisistema, que acadou nos últimos comicios unha importante e até agora inútil presenza parlamentaria, dedícase agora a facer crítica política con groserías de machista violador contra a presidenta do parlamento e as deputadas de centro esquerda mentres practica boicots sistemáticos contra a actividade lexislativa.

Verdadeiramente esperpéntico o panorama da evolución da política italiana nos últimos vinte anos. E un tanto delirante no último ano, desde as eleccións xerais de febreiro do 2013. Coa súa abstención desde a pureza, o Movemento 5 Estrelas –a ola de grilos, de Beppe Grillo concretamente, que chamaba a rexenerar a política desde as redes sociais– contribuíu a dar folgos a un Berlusconi en baixa, ao que tivo que recorrer para poder gobernar o Partido Democrático, gañador das eleccións pero sen a maioría suficiente. Unha serie de condenas xudiciais –unha delas unha ratificación do Tribunal Supremo, é dicir, a primeira definitiva– conseguiron que en outono Berlusconi abandonase a política, despois de que a metade do seu partido decidise romper con el e seguir a coalición co PD.

Pero, no último minuto, Berlusconi ven de recuperar protagonismo da man, curiosamente, do novo líder do PD, Matteo Renzi, que acordou con el a reforma da lei electoral e que agora somete a presións ao seu compañeiro de partido, Enrico Letta, para que lle traspase o posto de primeiro ministro ou force a convocatoria de novas eleccións. Mentres Berlusconi segue a lidar cos xuíces e espera unha resolución sobre a súa inhabilitación, Renzi  trata de acelerar o cambio xeracional no seu partido e no goberno. A política vai seguir sendo a mesma: axustarse aos criterios de austeridade marcados pola Unión Europea (é dicir, Alemaña) pero posibelmente con máis entusiasmo e enerxía que Letta.

O Partido Democrático italiano foi a última transformación do mítico PCI que nunca puido gobernar (o democristián Aldo Moro estaba a punto de chegar ao “compromiso histórico” para coligarse cos comunistas no 1978, pero foi asasinado antes por terroristas de extrema esquerda). Despois da caída do muro de Berlín, os comunistas italianos iniciaron a súa evolución semántica, de Partido Democrático da Esquerda (1991) a Demócratas de Esquerda (1998) para rematar no 2007 como Partido Democrático a secas. Para entón, xa se convertera en refuxio de socialistas superviventes da corrupción de Craxi e dos democristiáns de talante social-liberal. Estes últimos (desde o competente Prodi ao impaciente Renzi) son os que remataron facéndose coas rendas deste conglomerado de centro-esquerda, que, aínda que naceu con certo aire de Partido Demócrata norteamericano, xa non desentoa no conxunto dos actuais partidos socialdemócratas europeos, sobre todo despois de que François Hollande seguiu o exemplo de Rodríguez Zapatero de rematar por renderse ás presións neoliberais tras intentar resistir no mantemento de políticas sociais.

Non é estraño que o 97 por cento dos italianos –segundo enquisas citadas estes días nun informe da Comisión Europea– opinen que a corrupción sexa un fenómeno xeneralizado entre os seus políticos. Foi abundante no pasado e vai sobrevivindo aos sucesivos intentos de depurala, como nunha sorte de maldición ou de impotencia que vai frustrando todos os propósitos de recuperación democrática.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.