Adolfo Suárez- Xoán Antón Pérez Lema

 

adolfgaliCADERNOS DA VIAXE

Dicirmos Adolfo Suárez é dicirmos transición política española. Xa que logo, os que por razóns xeracionais non vivimos conscientemente aquel proceso quizais poidamos xulgalo máis obxectivamente ca os seus protagonistas e coetáneos.

Suárez, fillo dun republicano derrotado na guerra, foi un  funcionario do franquismo que chegou á dirección da RTVE e á secretaría xeral do Partido único. Escoller ese camiño non era obrigatorio, como demostran outros coetáneos de Suárez (Pujol, Arzalluz, Nicolás Redondo…) que fixeron política contra o franquismo, sofrindo das resultas  graves trastornos na súa vida. O Suárez que forma goberno quere afondar no reformismo e achegarmos un réxime homologábel con Europa. Mais o seu obxectivo fundamental é evitar a ruptura democrática, indo “da lei á lei”. A democracia virá dende o franquismo e existirá un pacto de impunidade a respecto das arbitrariedades da ditadura.

Este espirito de reforma pactada co Réxime permitiulle que as Cortes franquistas votasen a súa propia morte e legalizar un PCE que, en troques, asumía a Monarquía e a economía social de mercado. E permitiulle aterrar no Centro Democrático que fundara Areilza e usar con parcialidade o amplo aparello do Poder para gañar, sen maioría absoluta, as eleccións xerais de xuño do 1977 ás que non puideron concorrer determinadas forzas republicanas e nacionalistas.

Suárez foi quén de propiciar un amplo pacto político e económico para aprobar a Constitución e os Pactos da Moncloa. Mais tamén  impuxo uns Acordos coa Santa Sede que blindaban á xerarquía católica, malia a formal aconfesionalidade estatal e  deixou ben claro que  o dereito a decidir de galegos, vascos e cataláns e a Monarquía ficaban “out  of question”.

O mellor Suárez é o do seu derradeiro ano de Goberno. Aquel que  revisa o Estatuto galego da “aldraxe”para homologar Galicia ás outras nacións históricas. O que lealmente recoñece os autogobernos catalán e vasco. Aquel que enfronta ao Rei para non nomear Armada segundo xefe do Exército ou o que fuma displicente en claro desafío á barbarie de Tejero e Milans del Bosch. Aquel que sabe demitir e demite.

O Suárez das luces e das sombras. A transición das luces e das sombras. 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.