O Dereito e a Política- Xoán Antón Pérez-Lema

2681b-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lema

CADERNOS DA VIAXE

O Dereito e a Política haberían ser útiles aos intereses xerais e boas ferramentas para resolver problemas. Se non os resolven e mesmo se invocan para perpetuar os existentes ou crear outros novos, compre reformalos para súa potencialidade ás demandas sociais.

Analisando a cuestión dende a visión puramente xurídica, o president catalá Artur Mas convocou este día unha consulta non vinculante (non un referéndum, coma o escocés) ao abeiro dunha lei catalá aprobada polo 85% do seu Parlament, no exercicio legal dunha competencia autonómica que o Tribunal Constitucional recoñeceu na súa sentenza do 2010, cando recurtou substancialmente o marco estatutario pactado entre os Parlamentos estatal e catalán contribuíndo moitísimo ao actual sentimento arredista de boa parte da sociedade catalá. Porén, o artigo 161 da Constitución dalle ao Presidente do Goberno do Estado a competencia que lle nega aos Presidentes da Xunta ou da Generalitat: a mera interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra a lei e/ou contra a convocatoria da consulta determinará a suspensión da mesma en Dereito .

Mais o problema político non remata con esta suspensión. Porque o conflito sítuase entre dúas lexitimidades que xurden do voto cidadán e non se resolve antepoñendo España a Catalunya, nin unha cidadanía á outra. A aparente contradición xurídica esixe unha solución política, moito máis cando a recente votación escocesa aprendeunos que por votar non caen as pontes nin rachan os países nin enferman as persoas. Á cidadanía catalá non se lle pode convencer da súa eterna minoría de idade nin da súa incapacidade para decidir o que nomeadamente lles cumpre dicir, malia que a cidadanía do conxunto do Estado teña tamén dereito a determinar algunha das premisas do resultado final.

Entón, a solución é pactar regras de xogo que fagan viábel a convivencia. O marco europeo habería garantir a unidade de mercado e a común acción, moito máis entre pobos con semellantes vencellos históricos. Os mecanismos de soberanía compartida, como ven de manifestar o lehendakari Urkullu, poden resolver a desafección.

Pero mirar cara outro lado e chamar polos maxistrados do Tribunal Constitucional que nomeaches para que che resolvan o problema non fai senón enquistalo e deixar ceibo o camiño á gangrena.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.