Provincias fóra – Xoán Antón Pérez-Lema

637b2-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lemaCADERNOS DA VIAXE 

Louzán destraga 280.000 € dende a deputación pontevedresa en publicidade da volta ciclista, mentres o vello Baltar é condenado  penalmente por ter contratado ilegalmente ducias de traballadores para a deputación ourensá. As deputacións manteñen cadanseu presidente, 108 deputados e un aparello custoso sen funcións definidas e sen lexitimidade democrática. O delegado do Goberno do Estado, sen máis funcións coñecidas máis que a xefatura política das policías estatais, mantén catro  subdelegados e unha estrutura periférica duplicada e redundante.

PSOE e PP frearon nos anos 80 e 90 do seculo pasado os esforzos lexislativos de Catalunya  e Galicia (do conselleiro nacionalista Pablo G. Mariñas) para subordinar as provincias aos Gobernos autonómicos e mesmo abrir o camiño para a súa supresión de vagariño. O bipartidismo dinástico seica considerou que as provincias ían ser un eficaz contrapoder que Madrid podería usar contra os Gobernos autonómicos. E  o goberno Rajoy ven de potenciar os poderes das Deputacións fronte aos concellos para reducir a calidade dos servizos sociais  e centralizar a prol de grandes empresas estatais privadas a súa xestión.

O pensamento galeguista e democrático sempre considerou estas estruturas provinciais como lesivas para a boa gobernanza da Galicia e niños de caciques e xestión desaquelada. Mais, naquela ilóxica centralista do XIX, as catro provincias galegas copiaban os departamentos franceses para construir cadanseu distrito de 400.000 habitantes no que fose posíbel viaxar no día dende calquera das súas capitais municipais á capital. Hoxe mudou todo. Nunha Galicia na que o 55% da poboación vive nas súas oito principais áreas urbanas e na que decidimos en tempo real a medio da videoconferencia e o correo electrónico, a supresión destes enxendros inùteis e prexudiciais é necesaria.

Até de agora sempre invocaban a Constitución. Mais agora albíscanse, si ou si, tempos para a remuda constitucional. Compre obter desa remuda, entre moitas outras novas competencias, a capacidade para que Galicia decida sen interferencias o seu réxime local para suprimirmos as provincias.

A lexislatura que comeza a vindeira primavera habería ser a derradeira para as deputacións galegas.

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.