Campaña contra o poder alternativo- Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oCampaña contra o poder alternativo

Cando se mobilizaron os indignados do 15-M, acusóuselles de que só protestaban, que non tiñan propostas viábeis e non daban o paso de facer política e someterse ao voto dos cidadáns. Cando grupos de indignados decidiron presentarse a unhas eleccións, co seu correspondente programa, descualificóuselles por utópicos e populistas. Cando moderan as súas propostas, pásase a consideralos oportunistas que abandonan os seus principios.

Por suposto, cando insisten en que nacen da indignación cidadá e que as súas decisións pasarán por un proceso de participación activa da sociedade, os seus detractores claman contra o asemblearismo caótico que non leva a ningunha parte. E cando empezan a organizarse como partido, a reacción é contundente: hai un líder autoritario que se impón nunha loita interna polo poder.

Aparte dos casos de acoso persoal contra políticos determinados (como Adolfo Suárez e Rodríguez Zapatero, por exemplo), non recordaba unha persecución ideolóxica tan reiterada e contraditoria, contra unha organización, desde os tempos en que o franquismo presentaba ao Partido Comunista como a causa de todos os males que podían arruinar a España e condenaba sistemática e sucesivamente, sen atender a matices, os pasos que foron dando os comunistas tras a guerra civil, tanto cando apoiaron en principio a resistencia armada dos maquis como cando remataron promovendo a reconciliación nacional para un tránsito pacífico desde a ditadura á democracia. Agora, nun escenario político moi diferente, os partidos convencionais, como moi convencidos polas enquisas que rexistran os posíbeis avances electorais de Podemos –ou quizais por outras enquisas confidenciais con perspectivas aínda peores para os poderes–, parecen caer no pánico e despregan unha campaña apocalíptica, coa estreita marcaxe dos movementos de Podemos, que, por outra parte, se desenvolven á vista de todos, a pouco que se queira navegar polas redes sociais.

En lugar de saudar con diplomática deportividade a chegada dunha nova forza política, que en só uns meses conseguiu uns resultados destacados nas eleccións europeas e está a dinamizar o debate político, chegando mesmo a sectores do electorado que se retiraran das urnas hai tempo, reaccionan como ante un intruso que viñese a despoxarlles das esferas de poder que consideran da súa propiedade. En lugar de tomar nota da nova dirección dos ventos electorais e actuar en consecuencia –por exemplo, empezando por cortar radicalmente os lazos con tanta podremia como se vai descubrindo nas investigacións xudiciais– todo o seu afán vai dirixido a cubrir de oprobio ao novo rival, no intento de convencer ao electorado de que, en realidade, todos son iguais, coa conseguinte mensaxe implícita de que vale máis corrupto coñecido que político alternativo por corromper.

Desde a filosofía tradicional de que nunca choveu que non escampara –da que o actual presidente do goberno español é un fervente convencido–, os que até agora van controlando os fíos do poder parecen conformarse con alternar a campaña contra o lobo feroz con algunhas medidas de maquillaxe, á espera de que se desinfle a indignación cidadá e Podemos quede reducido ao papel de substituto de Esquerda Unida. Despois de todo, tamén Esquerda Unida xurdiu das mobilizacións cidadás, no seu caso contra a continuidade na OTAN, no 1986, e os seus mellores resultados (21 deputados nas eleccións xerais do 96) quedaron lixeiramente por debaixo dos mellores do PCE en solitario (23 deputados no 1979).

As circunstancias, por suposto, non son as mesmas, nin nas motivacións dos cidadáns nin nas alternativas que se lles ofrecen. E o refrán pode dar un resultado radicalmente diferente, se a maioría do electorado se convence de que o que ten que escampar é a corrupción.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.