A decadencia da soberanía e o tratado de libre comercio (TTIP)- Iñaki Martínez

5072965670_0e51af9339A DECADENCIA DA SOBERANÍA E O TRATADO DE LIBRE COMERCIO (TTIP)

Cando se está a falar a cotío de soberanía e soberanismo, pode ser interesante botar unha ollada ó estado da soberanía supostamente existente, a soberanía do Estado Español, pois nos últimos anos a soberanía de España sufriu grandes recortes, e ainga pode sufrir máis, que fan dubidar do carácter soberano do Estado.

En agosto de 2010, durante o período vacacional e tras as advertencias ou ameazas internacionais de entidades estatais, para-estatais e privadas de desestabilización económica, o Parlamento Español votou co apoio dos grupos Popular e Socialista unha reforma constitucional que subordina toda a política do Estado ó pago da débeda e declara que o pago da débeda “gozará de prioridade absoluta”. Ollo o termo, nada máis e nada menos que “prioridade absoluta”. Na Constitución Española non se declara o carácter absoluto nin da liberdade, nin dos dereitos fundamentais nin de ningunha outra cousa, entendendo que todos os dereitos son relativos por terse que equilibrar co exercicio de outros dereitos. Porén o dereito dos acreedores do Estado a cobrar os seus cretos con prioridade a calquera outra necesidade do estado si que é “absoluto”, e imponse sobre o carcacter social do estado, a solidaridade, a atención á pobreza e ás necesidades básicas da poboación, a conservación do medio ambiente, etc. Con esta reforma constitucional non só se subverte a xerarquía normativa subordinando o dereito constitucional ó mercantil se non que se creba a soberanía orzamentaria do conxunto do Estado Español.

O martes 11 de febreiro deste ano votouse a perda da xurisdición universal española fronte a delitos de lesa humanidade, terrorismo, piratería, delitos relativos á prostitución, os de corrupción de menores ou incapaces, tráfico ilegal de drogas psicotrópicas, tóxicas e estupefacientes, tráfico ilegal ou inmigración clandestina de persoas, sexan ou non traballadores, e os relativos á mutilación xenital feminina con responsables en España. Entre os motivos desta redución voluntaria da capacidade xurisdicional do Estado Español falouse da presión de China polo procesamento por xulgados españois de líderes políticos chineses e o malestar dos Estados Unidos pola causa abertas polo asasinato de José Couso e investigacións relativas ó campo de prisioneiros de Guantánamo. Como resultado desta reforma lexislativa, liberouse unha morea de presos narcotraficantes, que tiñan sido apresados pola Garda Civil en augas internacionais, como se viña facendo dende os oitenta. Agora o mundo non contará máis có Estado Español e coa Garda Civil para loitar contra o narcotráfico en augas internacionáis. No seu tempo os galeóns españois eran asaltados en mar aberto polos piratas e agora os piratas conseguiron sacar a España dos mares na loita contra a piratería e as actividades criminais extra-nacionais. A partir de agora as labouras policiais e xudiciais en augas internacionáis quedan a cargo de estados verdadeiramente soberanos, con capacidade de acción independente no eido internacional, mentres que o papel do Estado Español nestas materias será similar ó que tiñan os antigos estados colonizados, que no internacional eran representados polas súas metrópoles.

Xa hai tempo que nos cumios iberoamericanos o papel de España, é tamén de Portugal, ven resultando un pouco deslucido. Neses encontros as repúblicas americanas poden falar de política internacional, militar e económica, mentres que o papel da representación española tende a limitarse a representar ás empresas españolas (ou simplemente domiciliadas en España, porque o seu accionariado moitas veces e maioritariamente estranxeiro), facendo un rol máis propio da Federación de Cámaras de Comercio que de un goberno soberano. Isto en parte é inevitable dada a pertenza de España e Portugal á Unión Europea e á OTAN, pois estes son os organismos que exercen as principais competencias en materia de economía, comercio, política exterior e militar de ámbolos dous estados ibéricos, por iso nestes cumios España e Portugal non poden dialogar ó nivel dos outros estados participantes e son un pouco corpos estraños, sen poder xogar máis papel que o que farían un estado federado brasileiro ou mexicano de participaren nun cumio iberoamericano. Para poder falar ó mesmo nivel que os países americanos, Portugal e España precisarían ir acompañados do Alto Representante do Consello europeo para la Política Exterior e de Seguridade Común e por un representante da OTAN. Neste caso de perda de papel na escena internacional non pode haber queixa, a integración nas institucións europeas (non tanto na OTAN) foi un obxectivo moi desexado polo conxunto da sociedade española así que hai que asumir estas delegacións de competencias. Se cadra España e Portugal deberían coidar máis a política cultural nas súas relacións con América, que é o que vai quedando.

E agora chega o Tratado de Libre Comercio UE-EEUU (o TTIP)¡Agarrádevos! O TTIP pretende establecer unha grande área de libre comercio entre toda Norteamérica e a Unión Europea e o marco regulatorio do mesmo, establecendo unhas institucións de control sen carácter democrático, unha forma de gobernanza plutocrática. No seu día entregamos á Unión Europea competencias españolas en materia de comercio, consumo e servizos e agora a Unión Europea está disposta a entregar esas competencias a organizacións comerciais internacionáis que poderán lexislar sobre as características de seguridade dos produtos que usamos, os pesticidas que se fumigan nos nosos campos, os aditivos do que comemos ou as formas de contratación pública, entre outras moitas cousas, sen capacidade de réplica dos parlamentos e gobernos galegos, españois ou europeos. Aínda máis, cando un estado, como o español, teña un conflito cunha compañía transnacional, o conflito non será resolto por un xulgado ou tribunal español (como correspondería se España seguise a ser un estado soberano) senón por un colexio arbitral internacional de carácter privado e participado polas compañías mercantís transnacionáis. Desta maneira as transnacionáis se subtraen das xurisdiccións nacionais que xulgan o pobo non-privilexiado, o novo terceiro estado, e somentes aceptan ser xulgados polos seus pares, adquirindo un foro estamental especial no que semella unha volta ó antigo réxime, un pouco como se a Revolución Francesa e Napoleón Bonaparte non tiveran existido.

Un exemplo hipotético: O Concello de Portozás ten contratada a xestión do servizo de limpeza e recollida de lixo coa empresa española Obras e Servizos, S.A. Esta empresa é adquirida pola empresa Drake International Services, con sé nas Illas Caimán ou en Luxemburgo e propiedade de diversos fondos de investimento globais. Drake International Services diminúe a calidade dos servizos de limpeza (incrementando os seus beneficios) e Portozás ponse como o pao dun galiñeiro. O Concello de Portozás decide retirar a concesión do servizo de limpezas, Drake International Services négase e o Concello ten que litigar ¿Ante os xulgados galegos? Non, necesariamente o Concello de Portozás terá que someter o asunto ó arbitraxe de un órgano privado situado se cadra en Suiza, Massachusetts, Praga ou Singapur, con árbitros vencellados ás corporacións internacionais que decidirán se se pode ou non retirar a concesión e, no seu caso, cal é a cantidade coa que o Concello deberá indemnizar a Drake International Services.

O resultado é que o Estado xa non se relaciona coas grandes empresas dende a posición soberana do dereito administrativo senón dende a posición desvantaxosa que lle atribuirán o TTIP e tratados comerciais complementarios. Os Estados pasan de ser soberanos a clientes atados por ríxidos marcos contractuais, que deberán cumprir por riba das necesidades da cidadanía.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Iñaki Martínez. Guarda el enlace permanente.