Tendencia electoral á diversidade- Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oTendencia electoral á diversidade

Esquerda Unida, coalición promovida polo PCE nos momentos de mobilización contra a integración de España na OTAN, estreouse nas eleccións autonómicas de Andalucía de xuño do 1986 (catro meses antes das eleccións xerais daquel ano), con Julio Anguita á cabeza. Conseguiu entón 19 escanos, máis do dobre dos oito que obtivera catro anos antes como Partido Comunista. No 1994 –ano no que o PSOE perdeu a maioría absoluta no Parlamento andaluz–, Esquerda Unida tocou teito: vinte deputados. Eran os tempos da “pinza”, cando Anguita –convertido xa en líder federal da coalición que contribuíra a fundar– amagaba con pactos á dereita para desbancar a hexemonía socialista, soñando co “sorpasso” (adiantamento) que deixase atrás ao PSOE.

Aquel teito electoral do 94 ven de repetirse nas eleccións autonómicas andaluzas do pasado 24 de marzo, pero, nesta ocasión, repartido entre dúas forzas: o novo partido Podemos, con quince deputados, e unha desgastada Esquerda Unida, con cinco. A nova forza emerxente, que parecía ter gañado o “sorpasso” nas enquisas xerais que se veñen repetindo desde a súa irrupción nas eleccións europeas hai un ano, queda así limitada a ocupar o espazo á esquerda do PSOE, é dicir, o espazo que viña ocupando primeiro o PCE e despois EU, un espazo que se ampliaba ou se reducía en sentido inversamente proporcional á subida ou á baixada electoral dos socialistas. Polo menos polo que se refire a Andalucía, unha das comunidades nas que a suma de votos de esquerda sempre foi maioritaria.

Certo que o adianto electoral (a lexislatura andaluza remataba dentro dun ano) colleu a Podemos sen ter estruturado a súa organización territorial e nun dos momentos máis duros da campaña de acoso e desprestixio á que é sometido este partido. Todo previsíbel, tanto o adianto electoral (un mecanismo a utilizar, por exemplo, antes de que un rival importante medre demasiado) como a campaña, realizada desde as posicións dunha casta (partidos e medios) que, segundo Podemos, manexa sen escrúpulos o poder. Pero é certo tamén que, en Andalucía, a implantación do PSOE segue a ser o suficientemente forte como para resistir o desgaste dunha corrupción continuada (e progresivamente desvelada ao longo dos últimos catro ou cinco anos) e o desgaste dos efectos da crise, aínda que o goberno de coalición PSOE-EU intentase amortecer no posíbel os duros recortes orzamentarios que chegaban impostos desde a facenda central.

Falta por ver se estas eleccións andaluzas marcan tendencias nas restantes convocatorias electorais que se van suceder neste ano. En xuño do 1982, un abafador triunfo do PSOE nas primeiras eleccións autonómicas en Andalucía (un 52,7 por cento dos votos e un 60 por cento dos escanos) anticipou a contundente vitoria socialista nas elección xerais de outubro (48,4 por cento de votos e 57,7 por cento de escanos: a consabida distorsión da proporcionalidade, tanto nun ámbito como noutro). Non parece que agora poida suceder nada semellante, entre outras cousas porque ninguén pensa xa en resultados contundentes nin en maiorías absolutas, sexa cal sexa o ámbito electoral correspondente (municipios, comunidades, estado… ). Quizais, sobre todo coa aparición de Cidadáns –que abre na dereita a pugna de opcións que ten a esquerda desde sempre–, a tendencia que se estea a marcar sexa o que algúns chaman, pexorativamente, fragmentación parlamentaria, a que trataron de evitar os controladores da transición cunha lei electoral, aínda vixente, que terxiversa a representación proporcional e que vai ser o principal obstáculo para que os novos partidos accedan en pé de igualdade ás institucións.

O declive do bipartidismo debería levar precisamente a iso: a que non haxa dous grandes partidos a distancia dos demais, senón que se vaian estreitando as diferencias entre as diversas opcións. E que haxa presencia de matices tanto na dereita como na esquerda, para que as diversas sensibilidades cidadáns poidan sentirse representadas nun parlamento plural, no que predomine o debate e a negociación. E, a ser posíbel, a marcaxe duns a outros para que as denuncias e as investigacións dificulten as prácticas corruptas e os abusos de poder.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.