Obama en carreira contra reloxo – Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oObama en carreira contra reloxo

Tomouse o seu tempo o presidente de Cuba, Raúl Castro, para avaliar ao seu colega estadounidense. Esperou a que Obama estea xa na segunda metade do seu segundo mandato (é dicir, cando lle quedan menos de dous anos para rematar os seus oito anos de presidencia) para recoñecerlle publicamente que é un político honesto. Diferentes tempos para países e sistemas políticos diferentes.

Certo que Obama non lles prestou especial atención até agora aos países latinoamericanos, unha actitude que xa practicara o seu antecesor, George W. Bush, sobre todo a partir do 11-S, que, entre outros, tivo como efecto colateral que o entón presidente republicano deixase en suspenso os seus plans –incluído un acordo con México– para regularizar a situación dos inmigrantes hispanos sen papeis (como se tivesen sido eles quen derrubaron as Torres Xemelgas). Esa regularización foi posta en marcha agora por Obama, aínda que a resistencia de gobernadores republicanos teña arrancado unha suspensión temporal até que haxa un pronunciamento xudicial sobre os recursos.

Que Washington ignorase aos seus veciños de continente mesmo podía considerarse unha circunstancia positiva, á vista do historial de inxerencias, apoios a golpistas e ditadores, ou intervencións militares directas que foi acumulando Estados Unidos no seu “patio traseiro” desde que o presidente Monroe, no 1823, lanzou aquel lema que se transformou en doutrina: “América para os americanos”. Soaba ben naqueles tempos nos que se loitaba pola independencia en territorios que formaban parte do imperio colonial español. Na práctica, significou que Estados Unidos se reservaba en exclusiva (é dicir, fronte ás potencias europeas) o dereito a intervir nos asuntos de calquera país do continente americano, marcando así a súa zona de influencia (por non dicir o seu dominio imperial).

Outros asuntos máis urxentes e complicados absorberon as enerxías diplomáticas dos mandatos presidenciais de Obama, como Oriente Medio, caldeira dun imprevisíbel movemento terrorista de novo cuño pero de raíces relixiosas medievais, ou como a fachada asiática do Pacífico, escenario onde parece fraguarse unha nova hexemonía económica. América Latina e Europa pasaron a un segundo plano, non se sabe se por consideralos territorios xa controlados ou porque non se lles vía con perspectivas rendíbeis ante o novo futuro. Pero quizais a activa presenza de chinos, rusos e até iranios, coa intención de estreitar lazos de negocios cos países latinoamericanos, fixo desempoar a doutrina Monroe, ben que, polo menos aparentemente, con outro talante, o da cooperación, que xa intentara no seu día Kennedy coa súa Alianza para o Progreso.

Finalmente, un presidente estadounidense ven de recoñecer a inutilidade do bloqueo a Cuba, que máis ben serviu de coartada para manter a excepcionalidade –en dereitos e en recursos– dunha sociedade en situación como de guerra. E tamén, por fin, un goberno revolucionario advirte que, aínda considerando a Estados Unidos como unha potencia imperialista, pode haber diferencias de matiz entre os seus diversos gobernantes.

Obama aproveita a súa condición de  pato coxo (a dos presidentes que xa non teñen que preocuparse pola súa reelección) para desenvolver o máis que poda das súas propostas progresistas, forzando as competencias presidenciais ante o seu bloqueo particular, o que lle aplica unha maioría parlamentaria de dereita dura (de extrema dereita nos casos máis activos). Así, ademais dos recursos contra as medidas executivas para regularizar a situación de cinco millóns de inmigrantes sen papeis, os republicanos torpedean de mil maneiras –incluído un mitin de Netanyahu no mesmo Congreso estadounidense– a laboriosa negociación con Irán sobre as súas centrais nucleares. Agora, coa súa nova mirada sobre Latinoamérica, combinando a cenoria para Cuba co pao a Venezuela, Obama trata de culminar unha carreira contra reloxo para intentar dignificar a súa etapa presidencial. Mesmo para xustificar aquel premio Nobel da Paz que lle concederon prematuramente.

Quedarán, de todas maneiras, promesas xa case imposíbeis de cumprir. Por suposto, o labirinto da Palestina ocupada, pero, sobre todo, o vergonzoso limbo xurídico de Guantánamo, tan inmoral como inútil.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.