A singularidade da Marea Atlántica – Xoán Antón Pérez-Lema

637b2-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lemaCADERNOS DA VIAXE 

A Marea Atlántica gañou as eleccións locais n’A Coruña, obtendo 10 concelleiros, fronte ao alcalde Negreira (PP) que retivo outros 10 cuns poucos menos votos. Os socialistas obtiveron 6 e o BNG 1. Ninguén máis obtivo representación.

Cál é a clave para lermos este resultado? De onde sairon estes milleiros de votos que empoleiraron  Xulio Ferreiro a unha segura alcaldía? Sen dúbida en xerar un amplo espazo de confluencia. Porque fronte moitos proxectos que se dicían- e non o eran- semellantes, a Marea Atlántica naceu dun pulo cívico, cun núcleo de arrincada importante de independentes vencellados a unha cosmovisión progresista, galega e coruñesa. Mentres que os seis partidos que apoiaron o encontro, dende Compromiso por Galicia até Podemos ou Equo, pasando polos partidos do espazo AGE, souberon cederlle o protagonismo aos candidatos e á fórmula de unidade. Unidade que o electorado soubo recoñecer e apoiar. Na Marea converxeron nacionalistas e non nacionalistas e toda caste de sensibilidades progresistas. O electorado que quería unha fonda remuda do goberno local soubo velo e votalo. Acadar a unidade dende a pluralidade ten agasallo.

Mais Coruña é de vello un espazo bó para esta caste de proxectos, que recoñecen Coruña e Galicia como proxectos cívicos de todos. Que prefiren a eficiencia da mestizaxe aos purismos estériles. Exemplos témolos a esgalla, na longa historia coruñesa. Nos anos 20 do século pasado os galeguistas defenderon fronte a Risco na Irmandade Nazonalista o pacto cos progresistas e republicanos e Peña Novo foi concelleiro. Castelao e Bóveda atoparon na Marineda un apoio sobranceiro ao seu proxecto de gañaren o autogoberno dende a asociación coa Izquierda Republicana e despois coa Fronte Popular. A CNT da II República era n’A Coruña un espazo pacífico de encontro, lonxe do radicalismo da FAI. E, no 1979, as eleccións deixaron unha escea ben semellante á de agora. Pactouse un goberno plural e Merino foi o primeiro alcalde galeguista e progresista da cidade dende a II República.

Ese espirito plural e amplo, tan propio da galeguidade coruñesa, foi a clave do éxito da Marea Atlántica. O resto, aínda, está por escrebir e depende do bó criterio e sentido común dos  gañadores das eleccións coruñesas.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.