As perigosas urnas gregas – Xosé A. Gaciño

Incompetencia, ridículo e cinismo - Xosé A. GaciñoAs perigosas urnas gregas

Cando a ministra española de Agricultura, Isabel García Tejerina, referíndose ao referendo grego, advirte do perigosas que poden ser as urnas, quero supoñer que non está a propoñer unha ditadura para meter en cintura á economía grega, pero xa temos o antecedente da imposición do tecnócrata Lukas Papademos como primeiro ministro en novembro do 2011. Formalmente, foi apoiado no parlamento por socialistas e conservadores, pero todos saben que os acredores –aos que entón se lles chamaba troika– esixían unha persoa da súa confianza (e Papademos fora vicepresidente do Banco Central Europeo) para manter a ortodoxia da austeridade na economía grega, en pleno naufraxio a pesar do seu primeiro rescate (ou máis ben a causa dese primeiro rescate), e para cortar as veleidades “populistas” do socialista Yorgos Papandreu, que intentara convocar un referendo sobre a posibilidade dun segundo rescate.

Do perigoso que algúns consideran que pode resultar o voto dos cidadáns, sobre todo se están maltratados polas políticas de recortes, dan mostras, ademais dese nomeamento, as enormes presións –mesmo con trazas de inxerencia na soberanía nacional, se é que tal cousa existe aínda nun país da desprezada periferia sur– que as autoridades europeas despregaron nas últimas dúas consultas electorais en Grecia, con éxito nas do 2012 (nas que triunfaron os “seus”: os conservadores de Nova Democracia, os que falsificaran as contas públicas para entrar no euro) e sen éxito nas de xaneiro deste ano. Sen éxito, de momento. Sometido a estreita marcaxe o goberno de Syriza (Coalición da Esquerda Radical) desde o primeiro minuto, o primeiro que se lle negou foi a posibilidade dun crédito ponte para abrir unha negociación máis sosegada sobre un verdadeiro plan de reanimación da economía grega, con inversións en serio e reformas fiscais en profundidade. Limitada a negociación a ampliar o segundo rescate ou abrir un terceiro, desde a fronte acredora o principal obxectivo parecía o de non deixar ao goberno grego ningunha posibilidade de salvar a cara diante do seu electorado. Esixían unha derrota total, que ademais servise de advertencia a posíbeis alternativas que aspirasen, noutros países, a cambiar o rumbo da política económica. Dobregados no seu día os socialdemócratas (o mencionado Papandreu, o español Rodríguez Zapatero, o francés Hollande… ), os últimos mohicanos de Syriza emerxeron como resistentes solitarios, condenados á rendición incondicional.

Quizais non souberon navegar nas procelosas augas negociadoras desta Unión Europea, que, como Penélope no moi helénico relato da Odisea, anda sempre a tecer e destecer tratados e pactos, pasos adiante e pasos atrás, para manterse sempre no mesmo sitio e ao servicio dos mesmos intereses. Quizais non souberon convencer aos seus compañeiros de miserias periféricas para que entendesen que tamén eles son vítimas deste sacrificio ritual a maior honra e satisfacción da especulación universal, da que sacan a mellor tallada as pulcras elites do norte (con migallas substanciais para os seus sicarios do sur). Quedaron sos fronte a toda a casta política, económica e mediática do continente.

Quizais tampouco teñen medido a verdadeira dimensión do seu apoio electoral ao lanzarse a este referendo de emerxencia, que, por moito que eles queiran matizar, as presións dos seus acredores están a converter nun “si” ou “non” a Europa, aínda que sexa a esa caricatura de Europa que os acredores e os especuladores teñen rexistrada en exclusiva, baixo a chantaxe de sementar o pánico se non se garante a liberdade dos seus movementos de capital. Postos a meter presión nun proceso negociador, os eurócratas teñen moita máis experiencia. Syriza (co 36 por cento dos votos nas eleccións de xaneiro) conseguiu a maioría absoluta gracias a que, no sistema electoral grego, a lista máis votada é primada con cincuenta escanos máis dos que lle corresponde directamente polos votos e, aínda así, necesitou o apoio doutro grupo máis (sorprendentemente, un de dereita nacionalista). Unha base non moi sólida para encarar este referendo.

Como os últimos mohicanos, parecen dispostos a manter a coherencia e morrer loitando. Outros disfrazaron a súa incoherencia como sacrificio polo ben do país (Rodríguez Zapatero sen ir máis lonxe), co resultado de que foi o país o sacrificado polo ben dos de sempre.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.