Incapacidades das esquerdas españolas – Xoán Antón Pérez-Lema

2681b-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lemaCADERNOS DA VIAXE

INCAPACIDADES DAS ESQUERDAS ESPAÑOLAS

Dicía Josep Plà que o máis semellante que había a un español de dereitas era un español de esquerdas. Porque partillaban doutrinas dogmáticas e impermeábeis, refractarias  á negociación e unha idea de España unitaria, que percebía a plurinacionalidade como realidade que cumpría superar, cando non coma inimiga.

Os anos decorridos non teñen mudado substancialmente as posicións políticas. As esquerdas españolas ben puideron achegarse á realidade plurinacional do Estado con sinceridade e mesmo aprezar no autogoberno das nacionalidades a chave que servise de ferramenta para construir unha sociedade máis xusta, próspera e inclusiva. Mais mercáronlle o discurso territorial á dereita, sen entender que a democracia na España só se pode construir sobre o respecto á liberdade das distintas nacións.

A esquerda española careceu na Galicia dun discurso a respecto do medio rural ou dos problemas do mar, como tampouco a respecto da economía social, as pequenas e medianas empresas ou as diferentes bases económicas da actividade produtiva galega a respecto da española. Estas cuestións, que afectan aos problemas da xente común, foron sistemáticamente esquecidas das axendas “progresistas” españois.

Ao tempo, o autogoberno víase ás veces como angueira periférica pequenoburguesa e, no mellor dos casos, como cuestións secundarias.  O certo é que para un progresista español a cuestión nacional galega é secundaria, porque non se trata dun problema da súa nación.

Unha auténtica esquerda federal pensaría en global, mais actuaría en local. Enchouparíase primeiro dos problemas e carácterísticas económicas, sociais e culturais do País para logo propór solucións reais e acaídas. Mais a lóxica centrípeta minimiza que o factor territorial é inseparábel do social. O fracaso das esquerdas españolas non habería conlevar o fracaso de coalicións de cambio nas nacións do Estado. Mais o establishment progresista español, chámese PSOE, IU ou Podemos non é quen a velo.

Lembro un misioneiro que nos quería aprender aos rapaces a cantar en swahili. Para él, coñecer esa lingua era un sinal de inculturación indispensábel para enfrontar a súa andaina na África. Nunca entendeu, en troques, que precisaría o galego para o seu ministerio en Galicia.

Cos progres españois pásalles algo moi  semellante.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.