Semellanzas e diferenzas – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaSEMELLANZAS  E  DIFERENZAS

Xesús Veiga

Como é sabido, dende as primeiras eleccións ao Parlamento galego, celebradas no remate do ano 1981, só houbo dous gobernos non conformados polo PP (ou polo seu precedente AP):o chamado tripartito (PSdG, CG, PNG) entre 1987 e 1989 e o integrado polo Partido Socialista e o BNG dende 2005 ao 2009.A efectos de calquera comparanza coa situación que podemos vivir a partir do vindeiro día 25, só ten sentido  mirar para o sucedido hai 11 anos porque a experiencia gobernamental dos anos oitenta foi derivada dunha moción de censura e non dos resultados dunha convocatoria electoral específica.

Hai, obviamente, semellanzas e diferenzas entre aquelas semanas previas á cita de xuño do 2005 e o que está a suceder neste momento.Nun caso, o desgaste do PP, que formaba parte indiscutíbel da paisaxe política, tiña dúas explicacións básicas:os comportamentos rexistrados no desastre do Prestige e na intervención no Irak, e o afán desmedido de Fraga por seguir encabezando persoalmente a maioría absoluta que xa duraba 16 anos.Agora, o deterioro deste partido presenta algúns matices singulares:o custe pola aplicación de fortes restricións nos servizos públicos de benestar e pola frecuencia dos casos de corrupción semellan afectar mais á propia marca e ao seu líder estatal –Mariano Rajoy- que ao propio presidente da Xunta.Estamos ante as consecuencias dunha espectacular cerimonia de persuasión colectiva:aínda que as estatísticas non o demostren, hai un amplo estado de opinión que salvagarda a reputación política de Feijoo, asumindo como propio o mito de bo xestor criado nos laboratorios de agitprop dependentes de Montepío.

As forzas políticas da oposición proxectan o seu labor sobre o mesmo universo potencial de votantes (persoas que se senten identificadas –nunhas intensidades diferentes- con ideas e propostas de esquerda e/ou nacionalistas) mais padecen un maior nivel de segmentación a respecto daquel momento.E concorre, asemade, unha circunstancia moi relevante:un ano antes das eleccións de 2005, o triunfo de Rodríguez Zapatero puxera fin ao ciclo aznarista que comezara no ano 1996.O PSdG tiña o vento a favor da política estatal –onde, polo demais, aínda non estoupara a burbulla asociada á construción- e presentaba un nivel de conflitividade interna que non puña en perigo a fidelidade do seu corpo electoral.

Para completar o cadro comparativo, no 2005 emerxeu unha iniciativa transversal –“Hai que botalos”- que explicitaba publicamente a densidade dos desexos de cambio presentes en significativos sectores da intelectualidade e da creación cultural e favorecía a mobilización do electorado que estaba dispoñíbel para abrir as portas a unha maioría parlamentaria  alternativa á que posuía Fraga.

Velaquí, precisamente, a chave decisiva do 25 de Setembro.Gañará quen sexa quen de maximizar a participación dos votantes potenciais.Feijoo tenlle medo á inhibición dunha parte dos seus apoios e á perda que podan representar as cifras de C’s (mais graves canto mais se acheguen ao teito do 5%).Para PSdG, En Marea e BNG o reto é minimizar a abstención propia e captar os sectores indecisos que transitan nos territorios fronteirizos co PP.

O escenario político estatal presenta síntomas de fartura e desafección que poden interferir nas devanditas pretensións mobilizadoras.Mais aquí existe un poderoso incentivo diferencial:se Feijoo non obtén 38 escanos –só ou co partido laranxa- haberá, sen ningunha dúbida, un goberno de coalición para unha nova andaina política.A experiencia do 2005 certifica a verosimilitude deste aserto.Non é unha especulación intelectual.Forma parte da memoria colectiva.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.