Trump e o medo ao cambio- Xoán Antón Pérez-Lema

2681b-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lemaTRUMP E O MEDO AO CAMBIO

Xoán Antón Pérez-Lema

Clinton acadou máis votos ca D. Trump (47,7% vs 47,5%) e  éste non gañou en cidade ningunha de máis dun millón de habitantes. Mais o trunfo urbano da Clinton en todos os estados prósperos non lle deu a maioría do Colexio electoral, elixido en 48 dos 50 Estados (todos agás Nebraska e Maine) ao abeiro de sistemas maioritarios nos que o que gaña por un voto leva os delegados todos do Estado. Un auténtico sistema de contrapeso dos Estados pequenos fronte aos Estados grandes, porque nos sistemas federais, nos sistemas plurais non só votan as persoas, senón tamén os territorios.

 É certo que foron os brancos, sobre todo os homes brancos, os que lle deron o trunfo a Trump. Mais non só os pobres, senón moitos brancos de ingresos medios e mesmo bastante elevados. Trump acadou o 58% dos votos da maioría branca, sobre todo dos homes e dos maiores. Mais, tamén, o 58% do voto das confesións evanxélicas e o 52% dos católicos. Non todas as claves nos levan ao empobrecemento das clases medias e á desindustrialización sofrida polos traballadores industriais, polos blue collars. Tamén está á da resistencia ao cambio, á da incomodidade cunha sociedade que evoluiu cara o empoderamento, sequera fose parcial e imperfecto,  das mulleres e das minorías étnicas.

Pola súa banda, a pouco empática Mrs. Clinton (persoa carente de intelixencia emocional e de capacidade de achegamento aos sectores populares) representaba nidiamente a Norteamérica urbana da prosperidade, aos millonarios de Wall St. e ao complexo empresarial militar. Velaí a pouca participación da comunidade afroamericana, a desconfianza de moitos latinos e máis a desafección da xente moza e dos socialdemócratas (liberal en USA) que votaran Sanders. Tamén dos ecoloxistas e esquerdistas que, cos seus votos aos candidatos libertario e verde, definiron a derrota da nativa de Chicago.

Trump gañou por cohesionar mellor a súa coalición electoral, cosida polo medo ao futuro e polo odio a unha  globalización, que identifican cos produtos chineses e os inmigrantes mesoamericanos. Mais, tamén, por unha pulsión que  é moi minoritaria en Los Angeles, Boston ou New York, pero si segue a ser importante en Missisippi, Lousiana ou as Dakotas: make America great again, voltemos ao de antes. Os inmigrantes que fiquen aló no seus países, os negros e as mulleres no seu sitio, os intelectuais, políticos de Washington e xornalistas, toda esa xentalla da opinated peopele, non definirán máis os camiños da Unión. Unha pulsión ultraconservadora, machista e racista.

O Partido Demócrata pode rachar esa coalición nos vindeiros procesos electorais, separando eses ultraconservadores da América profunda dos traballadores industriais brancos que se sentiron excluídos da prosperidade nos últimos anos. Mais non lles chegará só con políticas inclusivas de discriminación positiva para as minorías raciais ou  as comunidades LGTB, senón que terán de lle garantir unha digna subsistencia  á América branca, rural e menos instruída. Garantirlle á sociedade toda non só igualdade de oportunidades, senón máis xustiza social. Tamén para as maiorías.

E haberá xogar con outra caste de persoas candidatas. Persoas que demostren non só as súas aptitudes de comunicación coa base popular, senón que manteñan posicións políticas máis inclusivas, máis igualitarias. Mr. Sanders ou Mrs. Obama poderían, cada un dende as súas cualidades, representar en catro anos esa opción gañadora para os demócratas. Malia que fique moito tempo,  case 40 meses, para os primeiros caucus e primarias.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.