A morte dun símbolo – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaA  MORTE  DUN SÍMBOLO

Xesús Veiga

A morte de Fidel Castro colocou a Cuba, mais unha vez, nun lugar sobranceiro da atención mediática mundial.

En realidade, a illa case nunca deixou de ser o centro da atención pública dende o trunfo da revolución encabezada por Fidel Castro.Para os sucesivos gobernos norteamericanos a destrución do novo sistema político nacido en 1959 constituíu unha permanente obsesión que propiciou a posta en funcionamento de diversas estratexias desestabilizadoras e agresivas.Para a totalidade das persoas procedentes da esquerda de orientación comunista e para unha parte importante dos sectores de tradición socialdemócrata, Cuba foi algo mais que un réxime político xurdido da revolta popular contra o goberno de Batista.Foi, sobre todo, un símbolo da afirmación dun pequeno país fronte ao hexemonismo dos USA.Foi, tamén, a terra que xerou dous mitos revolucionarios moi importantes do século XX:Ernesto “Che” Guevara e Fidel Castro.

O problema dos símbolos é que, habitualmente, sobordan o territorio do racional e sitúanse nun ámbito –o dos sentimentos- que non propicia unha discusión construtiva.Para unha parte da esquerda que procede da tradición comunista, o réxime político cubano foi merecedor dun apoio incondicional.Calquera expresión que cuestionase algún aspecto da realidade social da illa caribeña foi descualificada como unha intolerábel equidistancia entre a valoración do poder que administrou o Partido Comunista Cubano e o sistema político vixente nos EE.UU.

Para esta esquerda, nas décadas anteriores á caída do muro de Berlín (1989), todo encaixaba nun aparente círculo virtuoso:Cuba formaba parte do amplo “campo socialista” que dirixía a URSS.A intervención militar do Exército soviético na Checoslovaquia de 1968 ou a propia traxectoria debuxada polo mandato de Stalin mereceron algunhas dúbidas ou momentáneas manifestacións de desconcerto, que foron esmorecendo grazas ao dominio da versión mais segura e gratificante:o imperialismo ianqui era o principal responsábel de todos os problemas, mesmo dos erros que puidesen existir no “campo” amigo.Cando a URSS e os demais Estados do leste de Europa experimentaron a rápida mutación que deu lugar a unha progresiva implantación das principais lóxicas económicas e políticas vixentes na parte occidental do continente, moitas persoas daquela esquerda comunista xurdida no século XX non foron quen de realizar unha análise sistemática da súa propia tradición ideolóxica e preferiron buscar un refuxio confortante no réxime cubano.

A desaparición de Fidel Castro abre algunhas interrogantes decisivas sobre o futuro do sistema político cubano.Non cabe descartar que aparezan os “Putin” caribeños que agora son disciplinados membros do aparato do PCC e que mañá se reciclen como dirixentes de grupos de poder político-económico dispostos a traficar, sen escrúpulos, con mercadorías e persoas invocando o libre mercado e os sagrados beneficios empresariais.Posuirá a sociedade cubana as reservas éticas e políticas suficientes para manter as conquistas históricas do proceso revolucionario e superar os erros cometidos nas últimas décadas polos dirixentes do Estado?Eliminará o novo presidente dos USA as medidas de achegamento adoptadas por Obama? Reeditará Trump as prácticas mais duras do bloque implantado a partir dos anos sesenta do pasado século?

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.