ENCHOUPADOS NA CORRUPCIÓN.-Xoán Antón Pérez-Lema (*)

As pescudas que estamos a coñecer referentes á Operación Lezo confirman, si, a convicción de que o PP autonómico de Madrid desenvolvíase, polo menos até o 2015, nun estado de corrupción sistémica, que aqueixaba ao conxunto dos seus níveis. Neste senso, mesmo a recoñecida culpa in vigilando da lideresa Esperanza Aguirre semella xa superada. Avisos abondo tivo das trapalladas do Ignacio González e do Francisco Granados e non actuou de xeito ningún, polo que non pode afastar de si a sombra da sospeita.

Ben, a corrupción é sistémica no PP de Madrid e no PP do País Valencíano. Mais, que pasa no nível estatal? É un problema dunhas poucas mazás podres no cesto? Non, verdadeiramente. O peor da crise aberta o 19 de abril é constatar como o aparello da madrileña rúa Xénova e os Ministerios de Xustiza e Interior non só actuaron pasivamente fronte á corrupción que enchoupaba o partido, senón que fixeron uso de todas as ferramentas que tiñan na mán para diluir as pescudas xudiciais en curso. Porque  coas resultas da Operación Lezo puidemos enxergar o sentido real  da operación fiscais desenvolvida polo ministro de Xustiza e que substituiu aos responsábeis na Fiscalía Xeral do Estado, nas Superiores de Euskadi e Murcia e na Fiscalía Anticorrupción. Unha operación coordinada coa reforma da Lei de Axuizamento Criminal (que limitou a seis meses o tempo máximo de instrución penal, agás informe a prol da Fiscalía) e cos esforzos do PP estatal por minimizar xudicialmente a operación Gurthel e cantas pescudas xudiciais tiran do fío das súas vergoñas.

Nestas circunstancias, a moción de censura promovida por Unidos Podemos, En Marea e En Comú Podems constitúe unha ferramenta de limpeza democrática no fondo, malia que nas formas amosarase de máis ese protagonismo sobreactuante propio do Pablo Iglesias.   Constitucionalmente a moción de censura non é un mecanismo excepcional. Todo deputado pode presentar unha por cada periodo de sesións, é dicir dúas ao ano. E ninguén enferma por iso.

Serán, en todo caso, as outras forzas políticas as que xustifiquen por qué non botar fóra do Goberno a un partido enchoupado na corrupción e enfrontar un Goberno de concentración para unha curta lexislatura centrada na rexeneración democrática.

 A ARRINCADEIRA. Frear o fascismo.

Entre Macron e Le Pen non collen as terceiras vías. A primeira prioridade da Europa hoxe é frear o fascismo.

(*) Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista 

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.