CERTIDUMES E INCÓGNITAS DESPOIS DAS PRIMARIAS.-Xesús Veiga (*)

A contundencia da vitoria acadada por Pedro Sánchez nas primarias socialistas superou os prognósticos mais favorábeis ao ex-secretario xeral. Sorprende, certamente, o resultado obtido por alguén que contaba coa oposición explícita da grande maioría dos cargos orgánicos, de moitos referentes históricos do PSOE (Felipe González, Alfonso Guerra, Zapatero, Rubalcaba…) e dos principais grupos mediáticos que operan no Estado español. A nómina de perdedores da votación do día 21 sobarda, pois, os nomes de Susana Díaz, Patxi López, Abel Caballero, García Page, Ximo Puig, Fernández Vara e demais “ilustres” compañeiros de viaxe da presidenta andaluza.

A dureza descualificadora utilizada contra Pedro Sánchez non sintonizou coas opinións e o estado emocional existentes en amplos sectores da afiliación socialista. Máis aínda: a soberbia argumental exhibida por quen non era capaces de xustificar a abstención na investidura de Mariano Rajoy actuou como un boomerang demoledor sobre as previsións construídas a partir da recolleita dos avais.

O resultado destas primarias certifica algunhas certidumes e suscita varias incógnitas para os vindeiros meses. Unha das circunstancias indiscutíbeis é a forte división que padece, neste momento, o Partido Socialista. A pesar de que durante esta campaña interna non houbo un debate serio e sistemático sobre a evolución electoral e política da socialdemocracia europea nin tampouco se realizou unha análise crítica a respecto do xiro radical asumido polo goberno Zapatero no ano 2010 seguindo as indicacións de Bruxelas e Berlín, si é verdade que se manifestaron dous relatos diferentes sobre o sucedido a partir dos comicios xerais de 2015. As visións diverxentes sobre o que cada quen dixo e fixo foron complementadas por unha ruptura case xeralizada das afinidades persoais preexistentes. Como ten sucedido noutras organizacións, a carencia dunha empatía mínima entre dirixentes multiplica o efecto destrutivo dos disensos programáticos constatados (aínda que sexan de menor dimensión da que, teoricamente, podían revestir).

Mirando para o futuro, cabe imaxinar unha escición protagonizada polos sectores que apoiaron a Susana Díaz? Aínda que agora se rexistran un conxunto de condicións que nunca se deran dende a legalización do PSOE no posfranquismo, non é verosímil que Felipe González e os demais promotores dese eventual cisma asuman o custe de abandonar unha siglas que non están tan arruinadas coma outras da contorna europea.

E cal será a reacción do electorado socialista -do que mantivo a fidelidade nas urnas e daquel que emigrou cara Unidos Podemos e as confluencias- ante o que se viviu nestes días? Aquí radica, sen dúbida, un dos factores fundamentais que condicionará o desenvolvemento da crise socialista. Hai motivos para pensar na eventualidade dun duplo movemento: fuxida de certos votantes cara Cidadáns e recuperación dalgúns dos que están apoiando ás organizacións que conforman o terceiro grupo parlamentar do Congreso.

En todo caso, o retorno de Pedro Sánchez á Secretaría Xeral vai provocar a redefinición das relacións e/ou alianzas entre as forzas de esquerda que comparten os escanos da oposición a Mariano Rajoy. Se gañara Susana Díaz todo resultaría mais previsíbel.

(*) Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.