RAJOY APOSTA POLA VÍA XUDICIAL.-Xesús Veiga (*)

Transcorreron dúas semanas dende as eleccións ao Parlament de Catalunya e Mariano Rajoy só tomou unha iniciativa política despois de coñecerse os resultados das urnas:reunirse na Moncloa con Albert Rivera.

Reparese nunha circunstancia significativa:a pesar de que na súa primeira comparecencia pública tras o 21-D o presidente do goberno barallara a posibilidade de entrevistarse con Inés Arrimadas, como candidata da opción máis votada, declinou tal alternativa e substituíuna por ese encontro co líder estatal de Cidadáns.E, dende logo, non promoveu contacto algún con dirixentes das dúas principais candidaturas independentistas.A escenificación realizada ten que ever, obviamente, co sucedido no territorio catalán pero obedece a unha lóxica política de diemensión estatal.

Rajoy saíu moi debilitado desta cita electoral.Se por aquí rexese a cultura política que se practica noutros paises europeos xa tería presentado a dimisión: imaxínanse que faría Merkel se o seu partido non obtivese nin sequera o 5% nas eleccións dun “ land” de importancia equivalente á que ten Catalunya no ámbito do Estado español? O temor ao potencial impacto do éxito cultivado polo partido de Rivera provocou que o inquilino da Moncloa comezase a construír alguns cortalumes.Por iso aplicou o vello axioma de que “se non podes co teu adversario únete a el”.Ou, polo menos, fai unha foto conxunta canto antes.

A lóxica desa reunión non resulta congruente cos discursos de ambos líderes nos últimos meses.A pesar de que proclamaron reiteradamente que o problema principal radica na fractura interna da sociedade catalá máis que na disputa entre a Generalitat e o goberno do Estado, decidiron priorizar un diálogo entre dirixentes estatais que, ademais, teñen un diágnostico moi parecido sobre este grave problema.Non é máis urxente tender pontes entre as distintas formacións que van estar presentes na próxima Cámara lexislativa catalá?

O PP, a través de distintos portavoces, está a presionar a Cidadáns para que despregue iniciativas políticas por ser a forza máis votada o 21-D mentres segue demostrando unha absoluta carencia de propostas para tentar reconducir o grave bloqueo no que está instalada a vida política catalá.Hai tempo que Mariano Rajoy -que encabezou a candidatura máis apoiada nas xerais de 2016- decidiu dar preferencia á vía xudicial, permitindo que a fiscalía presentase querelas contra diversos dirixentes independentistas pola suposta comisión dos delitos de rebelión e sedición.Semellante estratexia contribuíu a incrementar a polarización no panorama político de Catalunya e facilitou, seguramente, a reacción defensiva do electorado independentista na recente consulta de decembro.

Que se pretende coa xudicialización deste problema? Utilizar a máxima dureza do Código Penal para que os sectores independentistas acepten unha sorte de rendición que aprace por un tempo o tránsito polo terreo do diálogo e da transacción? Transferir aos xuíces unha notábel capacidade para incidir na eventual saída do labirinto catalán? Hai na Moncloa algún plan B?

(*) Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.