XUSTIZA DEMORADA, XUSTIZA REXEITADA.-Xoán Antón Pérez-Lema*

O novo presidente da Audiencia d’A Coruña, Ignacio Picatoste, ven de recoñecer unha punxente realidade: a inmensa maioría dos órganos xurisdicionais galegos están ultrapasados de traballo. Malia o esforzo da meirande parte da maxistratura, funcionariado, malia a colaboración da avogacía e da procura, non se da feito. Unha moi complexa situación, aínda agravada pola longa-e moi xustificada- folga dos funcinarios  xudiciais de xestión, tramitamento e apoio do primeiro semestre de 2018.

A situación é aínda máis grave no que atinxe aos colectivos de xusticiábeis máis precisados de protección. Velaí as reclamacións salariais dos traballadores, que adoitan demorarse máis de dous anos, as demandas de nulidade de cláusulas bancarias abusivas, que se están a sinalar nalgúns dos xulgados funcionalmente especializados cun ano de atraso sobre o que dispón a Lei procesual, os procedementos contencioso-administrativos que atinxen máis aos dereitos da cidadanía (expropiacións, contratación administrativa…), nomeadamente demorados no TSXG e nos Xulgados do Contencioso composteláns. A falla de medios dos Xulgados do Mercantil demora o tramitamento dos concursos de acredores e máis a tutela dos socios minoritaris ou dos que reclaman dos antigos administradores débedas de sociedades insolventes. Mentres, os Xulgados de Familia non son quen a tramitar en tempo urxentes execucións ou  modificacións de medidas, os Xulgados de Instrución non teñen medios axeitados para investigar as corrupcións públicas e privadas e máis a delincuencia de colo branco e os Xulgados de violencia contra a muller non dan feito coas necesidades bxectivas de protección das vítimas do crime machista.

Sofrimos esta situación malia o esforzo dos profesionais todos, como xa adoita ocorrer na sanidade pública galega e nalgúns níveis do noso ensino público . Porque sen ese esforzo o cadro sería de colapso total. Que chegará, sen dúbida, se non lle pomos solucións.

Ao PP e PSOE, que fixaron as prioridades orzamentarias dende a transición, nunca lles interesou a Administración de Xustiza. Porque non interesa que a cidadanía controle a legalidade da actuación das Administracións ou que os consumidores reclamen os seus dereitos fronte á Banca ou que as pemes e autónomos reclamen esa grande morosidade de 60.000 M€ que a grande empresa do IBEX35 mantèn con eles.  O que si interesou foi a recentralización xudicial penal, laboral e contenciosa a prol dunha “Audiencia Nacional” próxima a Poder Executivo estatal e á que se lle dotou deos medios negados aos Xulgados e Tribunais galegos.

Engádanlle vostedes a este cóctel un número de xuizas e xuices moi baixo (12 /100.000 habitantes fronte aos 21/100.000 da media europea) e os dez anos e medio de retalladas de Feijóo e Rueda e chegamos á situación de hoxendía. A dunha xustiza demorada que, cada volta máis, constitúe unha xustiza rexeitada. 

*Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.