A MOCIÓN DE CENSURA QUE O  PP NON QUERE PRESENTAR.-Xesús Veiga*

Hai bastante coincidencia á hora de fixar a crispación como a principal característica dominante na política española destes meses. As diverxencias comezan cando se trata de establecer as causalidades, as responsabilidades dos distintos actores e as perspectivas temporais da mesma. 

Convén lembrar que o goberno de coalición formado a partir dos resultados electorais de novembro de 2019 non contou cos tradicionais 100 días de “graza” vixentes -como norma non escrita- nos sistemas democráticos europeos. Ao contrario: dende o momento mesmo da investidura de Pedro Sánchez,  VOX cualificou explicitamente de “ilexítimo” o executivo conformado a partir da correspondente maioría parlamentaria mentres que o PP de Pablo Casado daba  verosimilitude a tal conclusión a través de formulacións máis ambiguas ou implícitas. 

A aparición da pandemia do coronavirus temperou, nos primeiros días, a dureza exhibida por eses partidos nas semanas anteriores. Pero a tregua durou pouco a pesar da singularidade extraordinaria deste tempo histórico. PP e  VOX iniciaron unha escalada de agresividade verbal que aínda continúa e que permite pensar que os acordos transversais para enfrontar as graves consecuencias da crise sanitaria non figuran no catálogo de prioridades da súa axenda política. 

Nos sistemas parlamentarios hai fórmulas para canalizar a crítica e o control dos gobernos. E para postular alternativas por parte da oposición. No caso español contémplase a figura da moción de censura como instrumento de maior relevancia para visualizar o  cuestionamento total do poder executivo e a existencia dunha proposta de  gobernanza diferente. Repasando a historia parlamentaria das últimas décadas atopamos diversos exemplos da aplicación desta iniciativa: a que presentou Antonio Hernández Mancha -máximo dirixente entón de Alianza Popular- contra un goberno -o de Felipe González- que ostentaba a maioría absoluta do Congreso; a promovida por Pedro Sánchez hai agora dous anos e que posibilitou a derrota do executivo de M. Rajoy e outras mocións como as presentadas polo PSdG e BNG no ano 2002 (despois da catástrofe provocada polo afundimento do Prestige) que non prosperaron pola clara maioría da que dispuña Manuel Fraga na Cámara galega. 

En coherencia coa forte  belixerancia que está a exhibir Pablo Casado nas últimas semanas debería anunciar solemnemente a presentación dunha moción de censura para o momento no que deixase de estar vixente o estado de alarma. Permitiría coñecer o alcance e as características da súa opción gobernamental á vez que serviría para comprobar as luces e sombras das forzas políticas que toman asento nos escanos do poder lexislativo. 

Non parece que os actuais dirixentes do PP teñan intención tomar semellante iniciativa. Non queren que se constate a súa situación de illamento parlamentario e prefiren elixir o camiño da confrontación total e continuada -en conivencia, deliberada ou involuntaria, con  Vox- que poida conducir a un desgaste insoportábel da coalición gobernante e a unhas eleccións rápidas nas que se ofrezan como a solución ao suposto caos reinante. 

A pesar do que semella parecer a primeira vista, promover unha moción de censura sería unha forma concreta de practicar a oposición construtiva que se predica teoricamente. Poren, o que se ve agora é algo ben coñecido na recente historia parlamentaria española: unha programada estratexia destrutiva.

*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC.

 

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.