A EXTRADICIÓN DE PUIGDEMONT, MÁIS LONXE.-Xoan Antón Pérez-Lema*

 A Unión Europea aprobou no 2002 e modificou no 2009 unha normativa para a extradición entre órganos xudiciais de dous Estados Membros da Unión Europea, a medio da chamada euroorde de detención para que a autoridade xudicial receptora deteña e poña ao dispor da autoridade xudicial emisora unha persoa, quer para que cumpra unha sentenza definitiva de condena penal, quer para que compareza a xuizo nunha causa tamén criminal. A euroorde só poderá executarse  senon atenta contra os dereitos fundamentais da Carta Europea de 2000 e da Convención Europea de Dereitos Fundamentais de 1950.

   O Tribunal Supremo español (TS) reclamou da autoridade xudicial belga a extradición do conseller Lluis Puig a medio dunha euroorde que foi rexeitada ao considerar que o TS non era o órgano xudicial competente para axuizar Puig. Xa que logo, o TS formulou varias cuestións prexudiciais perante o Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) para que éste, como supremo intérprete do Dereito da UE clarexara o alcance da devandita normativa europea de euroordes.

    O TXUE decidiu estas cuestións a medio dunha sentenza o 31-X último na que resposta favorábelmente ao preguntado polo TS canto á posibilidade de emisión dunha nova euroorde a Bélxica malia xa ter sido rexeitada por sentenza defginitiva unha primeira, sempre que a nova euroorde respecte os dereitos fundamentais e sexa proporcionada. Tamén lle nega á autoridade xudicial receptora a posibilidade de rexeitar a euroorde baseándose só en normas do Dereito do Estado receptor.

    Estas respostas motivaron un inxustificado optimismo no Goberno do Estado e no TS, que deron por feita unha próxima extradición do president Puigdemont e dos outros conselleiros exiliados. E este inxustificado optimismo definiu o tratamento case unánime da prensa de Madrid,  considerando esa sentenza  un trunfo do Poder Xudicial español.

   Mais a lectura rigorosa da sentenza achega conclusións moi diferentes, Porque introduce como causas de rexeitamento da euroorde: i) a aplicación de normas de Dereito estatal que permitan rexeitala cando se considere existente o risco dunha vulneración de dereito fundamental ii) a avaliación de dados obxectivos e actualizados que amosen a existencia de deficiencias que atinxan á tutela xudicial dun grupo obxectivamente identificábel de persoas ao que pertenza o interesado e iii) que exista proba de que por mor do suxeito, delicto ou circunstancias do caso o órgano xudicial que vaia axuizar o caso sexa manifestamente incompetente.

   O axuizamento e condena polo TS (2017-2019) de determinados dirixentes políticos cataláns amosou graves irregularidades alicerzadas na común condición de políticos independentistas das persoas atinxidas. Foron procesados por rebelión para que algúns cesasen como deputados e foron axuizados polo TS (o que lles privou da posibilidade de apelación) por desconfianza a respecto do Tribunal Superior de Catalunya, que era o ordinario predeterminado pola Lei.

Deste trato desigual non existen precedentes. Velaí a ampla posibilidade de que os políticos cataláns exiliados  poidan achegar dados dun trato desigual baseado na súa común cualidade de politicos independentistas e da determinación da competencia do TS precisamente por esa común cualidade.

*Xoan Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.