Xesús Veiga
A concentración de varios asasinatos de mulleres nos últimos días –dous deles acontecidos en Vigo e Santiago- ten colocado, de novo, no centro da atención mediática, a persistencia do grave problema da violencia de xénero.
Despois de varios anos de vixencia dunha nova normativa xurídica sobre esta materia, existe unha desacougante sensación de impotencia que debería provocar unha dupla reacción:maior reflexión sobre a natureza e o tratamento desta lacra social e un renovado compromiso práctico de todos os sectores que non aceitamos convivir resignadamente coas intolerábeis estatísticas de vítimas causadas por semellante violencia.
Os últimos episodios confirman, mais unha vez, que as leis son necesarias pero non resultan suficientes para conseguir cambios substanciais nun asunto tan complexo coma este.Requírense, certamente, mais recursos económicos e unha maior eficacia na xestión dos medios humanos e materiais xa dispoñíbeis.Pero hai outros aspectos que demandan actuacións específicas e de longo percorrido temporal.Algo se está facendo mal durante os traxectos formativos de rapaces e rapazas para que –tal e como demostran diversos inqueritos- segan vivos os estereotipos tradicionais que atribúen aos varóns a capacidade para decidir o xeito de comportamento admisíbel na súa parella feminina.A presenza dun volume relevante de ensinantes que -sobre todo no ámbito dos centros públicos- simpatizan explicitamente cunha orientación igualitaria nas prácticas educativas debería ser un factor decisivo na batalla por mudar a deriva preocupante na que nos atopamos. Seguir leyendo



