Afouteza foi a verba do ano 2017 escollida pola maioría dos votos do público no Portal das Palabras da RAG. Afouteza ten dous sentidos segundo o Dicionario da RAG: disposición de espirito para actuar sen temor aos perigos e a seguridade que alguén ten en si mesmo. Xa que logo, unha persoa afouta non é temeraria, porque dirixe a súa acción consciente deses perigos e non enfronta o que non pode conlevar. A afouteza é un concepto proactivo, moito máis aló da reactiva teimudez que, porén, poderá constituir unha das cualidades da persoa afouta en varias das etapas da súa acción.
A seguridade en si propio da persoa afouta esixe sabermos quen somos, de onde vimos e onde imos. É esa seguridade a que fai posíbel actuar con consciencia e xestión dos perigos e dificultades, mais sen amedoñarmos por eles, sen que a dificultade da tarefa nos faga recuar.




