Tendencia electoral á diversidade
Esquerda Unida, coalición promovida polo PCE nos momentos de mobilización contra a integración de España na OTAN, estreouse nas eleccións autonómicas de Andalucía de xuño do 1986 (catro meses antes das eleccións xerais daquel ano), con Julio Anguita á cabeza. Conseguiu entón 19 escanos, máis do dobre dos oito que obtivera catro anos antes como Partido Comunista. No 1994 –ano no que o PSOE perdeu a maioría absoluta no Parlamento andaluz–, Esquerda Unida tocou teito: vinte deputados. Eran os tempos da “pinza”, cando Anguita –convertido xa en líder federal da coalición que contribuíra a fundar– amagaba con pactos á dereita para desbancar a hexemonía socialista, soñando co “sorpasso” (adiantamento) que deixase atrás ao PSOE.
Aquel teito electoral do 94 ven de repetirse nas eleccións autonómicas andaluzas do pasado 24 de marzo, pero, nesta ocasión, repartido entre dúas forzas: o novo partido Podemos, con quince deputados, e unha desgastada Esquerda Unida, con cinco. A nova forza emerxente, que parecía ter gañado o “sorpasso” nas enquisas xerais que se veñen repetindo desde a súa irrupción nas eleccións europeas hai un ano, queda así limitada a ocupar o espazo á esquerda do PSOE, é dicir, o espazo que viña ocupando primeiro o PCE e despois EU, un espazo que se ampliaba ou se reducía en sentido inversamente proporcional á subida ou á baixada electoral dos socialistas. Polo menos polo que se refire a Andalucía, unha das comunidades nas que a suma de votos de esquerda sempre foi maioritaria. Seguir leyendo




