Dereita con reservas e atrasos
Van sempre como con atraso. Cando gobernaba o socialista José Luis Rodríguez Zapatero, ao que cubriron de toda sorte de ataques persoais e mesmo insultos, comezaron a eloxiar a categoría de estadista de Felipe González, esquecendo recordar que eles mesmos promoveran no seu día unha feroz campaña contra González con José María Aznar como director de orquestra (“Váyase, señor González”). Agora, cando o actual secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, dentro do seu afán por levantar as expectativas electorais do seu partido, propón reformar a reforma do artigo 135 da Constitución –a que pactaron Rodríguez Zapatero e Rajoy para colocar o pago da débeda como prioridade orzamentaria absoluta, ademais de limitar radicalmente o déficit–, o actual presidente de Goberno, o conservador e inmobilista Mariano Rajoy, rehabilita de pronto a Alfredo Pérez Rubalcaba. Rodríguez Zapatero seguramente terá que esperar máis á súa rehabilitación, non sei se tanto como Adolfo Suárez, tan mazado politicamente ou máis ca el, e que non recibiu recoñecementos xerais (de dereitas e de esquerdas) até que morreu.
A cousa non se limita ao tratamento dos rivais políticos, que entra dentro do estilo xeral (lamentábel, de todas formas) de descualificar ao adversario nun permanente combate electoral. Tamén afecta a cuestións básicas, nas que camiñan igualmente con lentitude. Confían, supoño, na inercia conservadora da mentalidade media da sociedade, como se reflexa no refraneiro. Vale máis malo coñecido, din, que bo por coñecer. Seguir leyendo



