A crise catalá e os abundantes casos de corrupción acontecidos nos últimos anos constitúen dous dos problemas máis relevantes presentes no sistema político español.Aínda que posúen unha natureza diferente en canto á súa explicación causal pode constatarse algunha semellanza significativa.Certamente, a lóxica aplicada polo PP presenta un denominador común indiscutíbel:facer todo o posíbel para trasladar ao territorio xudicial a eventual resolución de semellantes conflitos.
No tratamento da corrupción, Mariano Rajoy e os demais dirixentes da rúa Xénova colocaron o foco, desde o inicio, nos tribunais de xustiza.Todos os casos nos que se rexistraron condutas gravemente atentatorias aos valores que deben presidir o funcionamento dun réxime democrático substraéronse, de facto, á investigación e debate en sede parlamentaria e só se aceitaron as responsabilidades políticas cando se estableceu, no pertinente procedemento xudicial, a eventual comisión de tal ou cal delito.Como é sabido, a mentira é un recurso que está lexitimado en calquera estratexia defensiva por parte das persoas imputadas nun proceso penal pero non debería ser admitido -por carecer da mínima solvencia ética- no desempeño da actividade política.



