Xesús Veiga
As eleccións do pasado día 25 debían clarexar catro incógnitas:reeditaría o PP de Núñez Feijoo a maioría absoluta que disfrutaba dende 2009?; tería lugar o “sorpasso” da Marea ao Partido Socialista?; aguantaría o BNG o presumíbel impacto da súa tendencia descendente dos últimos anos?; entraría C’s na Cámara do Hórreo?
Obviamente, a importancia das interrogantes non era equivalente.A resolución da primeira condicionaría decisivamente o mapa político resultante e determinaría, sobre todo, o carácter do novo goberno da Xunta.Neste sentido, a resposta ofrecida polas urnas non deixa lugar a dúbidas:o PP repite a cómoda maioría absoluta obtida no 2012 e Feijoo obtén un éxito indiscutíbel que o coloca nunha posición privilexiada para calquera operación de substitución ou relevo na política estatal.
Nas avaliacións postelectorais sempre xorde o mesmo dilema:comparamos as cifras acadadas por cada forza coas correspondentes aos comicios anteriores do mesmo ámbito (galego, estatal, municipal, europeo) ou tomamos en consideración as expectativas creadas previamente polas sondaxes e/ou polo clima mediático dominante? A utilización dun ou doutro criterio valorativo pode dar lugar a conclusións diferentes.Nesta ocasión concreta, usar a referencia da cita do 2012 permite sentenciar que houbo dúas opcións que medraron (PPdG e Marea, tomando AGE como antecedente mais homologábel) e dúas que baixaron (PSdG e BNG).Se facemos caso das tendencias debuxadas pola demoscopia publicada nas semanas anteriores (singularmente, a emitida pola empresa Sondaxe)PPdG e BNG subirían sobre o prognosticado mentres que a Marea ficaría por debaixo e o PSdG mantería a posición sinalada previamente.Canta influencia tiveron eses traballos no comportamento final do corpo electoral?A pesar da dificultade dunha medición precisa, cabe pensar que sectores do electorado popular sentiron a necesidade de acudir ás urnas para asegurar unha maioría que non semellaba estar segura (durante varios días o PP obtiña 37 escanos).Ao mesmo tempo, antigos votantes do BNG puideron reaccionar ante o perigo certo dunha minoración forte da presenza parlamentaria da organización nacionalista. Seguir leyendo






