Xesús Veiga
Liortas no PSdG pola elaboración das candidaturas, desencontros entre algúns dos vectores integrantes das Mareas, nova demostración de disidencia no seo do BNG e práctica desaparición da delegación galega de C’s: supoño que Alberto Núñez Feijoo nunca imaxinou –nas súas fantasías mais optimistas- unha situación coma esta a poucas semanas da celebración das eleccións galegas.A coñecida frase do “capo” Andreotti –“o poder desgasta só a quen non o ten”- semella reaparecer na política galega para arrefriar as expectativas xeradas pola acumulación de frustracións rexistradas dende o 2009:grave deterioro das condicións de vida dunha parte relevante do corpo social por mor das políticas practicadas dende San Caetano, aceptación submisa das dinámicas recentralizadoras promovidas dende a Moncloa, tolerancia coa corrupción detectada nas estruturas estatais e galegas do PP, deficiente xestión ordinaria das competencias dispoñíbeis na arquitectura institucional da Xunta…
A pesar desta vantaxe imprevista coa que sae Feijoo na carreira electoral, a dúbida segue instalada nos propios dirixentes do partido:a obtención dos 38 escanos está menos asegurada que hai catro anos e, xa que logo, o futuro político do actual presidente está no gume da navalla.Acadar unha cifra menor da que proporciona a maioría absoluta sería un fracaso indiscutíbel que non se podería agachar na vella leria da lista mais votada.A pesar da coñecida fortaleza do aparato organizativo do PPdG, hai síntomas evidentes de fatiga nos materiais humanos que posibilitaron as vitorias de 2009 e 2012.A grande implantación territorial e a consistencia dos mecanismos clientelares non aseguran, automaticamente, o volume de apoios necesarios para obter unha maioría absoluta no Hórreo. Seguir leyendo






