Manipulación de efectos limitados
Curiosamente, o número de cidadáns que expresaron o seu apoio á independencia de Cataluña na acción participativa do 9 de novembro (1.861.753, o 29,89 por cento do censo) coincide case exactamente co número de espectadores que suman os diversos canais da televisión autonómica catalá (1.863.000, un 29,7 por cento da audiencia total de televisión en Cataluña, segundo datos do EGM de xullo deste ano). Unha boa porcentaxe en termos de audiencia televisiva, pero máis ben limitada en termos da presunta influencia ideolóxica que lle atribúen algúns analistas como elemento decisivo na subida da conciencia independentista entre os cidadáns cataláns.
En Cataluña, as cadeas estatais duplican a audiencia das autonómicas, que mesmo quedan por debaixo do conxunto dos canais temáticos. Un panorama moi diferente do que debuxan os que nos presentan a unha opinión pública catalá sometida ao bombardeo manipulador de TV3 (que é o segundo canal en audiencia, superado por Antena 3 e seguido moi de cerca por Tele 5). Tampouco a súa emisora de radio é líder de audiencia, aínda que no seu caso é superada por outra emisora catalá, pero de titularidade privada, concretamente do Grupo Godó, editor de La Vanguardia, o xornal impreso de maior difusión en Cataluña, con El Periódico en segunda posición a pouca distancia (670.000 e 517.000 lectores, respectivamente). Entre os dous suman máis do triplo que os dous estatais de maior difusión (Marca, con 180.000 lectores, e El País, con 158.000). Na prensa escrita, é abafador o dominio dos medios cataláns, que tamén predominan na radio, aínda que en menor medida (1.361.000 escoitantes suman as emisoras catalás, entre privadas e públicas, e 948.000 as de ámbito estatal). Seguir leyendo




